Avanza que o texto garante a autonomía municipal porque o informe do Concello será preceptivo e vinculante e, se o informe é desfavorable, a Xunta arquivará o proxecto
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Proxecto de lei de medidas en materia de urbanismo aportará axilidade, eficacia e seguridade xurídica aos proxectos públicos urxentes e de excepcional interese público. “Estamos a falar dunha resposta áxil, responsable e eficaz coa que damos solución aos casos de proxectos urxentes referidos a infraestruturas promovidas por administracións públicas paralizadas na cidade de Vigo; e, blindamos á toda a comunidade para poder achegar solucións a aqueles proxectos que non poden ser paralizados ata a aprobación dun novo plan de ordenación urbanístico”, asegurou.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que a lei garante a autonomía municipal, establece que as iniciativas sexan informadas sectorialmente, segundo a normativa aplicable, e respecta as resolucións xudiciais.
Nesta liña, precisou que o texto garante a autonomía municipal porque o informe do Concello será preceptivo e vinculante e, se o informe é desfavorable, a Xunta arquivará o proxecto.
Así mesmo, afirmou que mesmo despois de aprobado o proxecto de urxencia, o Concello poderá suspender as obras se non se sigue o procedemento da lei ou os traballos non se axustan ao establecido no proxecto. “E, cómpre salientar que os proxectos deberán ser informados sectorialmente, de acordo á lexislación aplicable, e moi especialmente no referido á avaliación de impacto ambiental”, engadiu.
O presidente da Xunta asegurou tamén que o mecanismo non supón unha vía para evitar as resolucións xudiciais, senón todo o contrario, “xa que a propia lei –abundou- establece que de forma simultánea á aprobación do proxecto, se inicie o procedemento para acomodalo á ordenación urbanística correspondente”.
Procedemento
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o texto aprobado deseña o procedemento necesario para impulsar estes proxectos urxentes. De tal xeito que o órgano promotor do proxecto dará traslado do mesmo á Consellería competente por materia, solicitando que se inicie o procedemento para declaralo de urxencia e interese público. Deberá achegar un proxecto detallado.
A consellería competente na materia será a responsable de xustificar as razóns de urxencia e excepcional interese, e remitirá este proxecto ao Concello para que en 10 días acepte ou non a tramitación deste procedemento excepcional.
Se o informe do Concello é desfavorable, o procedemento arquivarase. E se o informe é favorable, remitirase á Consellería competente en urbanismo que solicitará con carácter de urxencia os informes preceptivos de acordo á lexislación sectorial aplicable.
Unha vez recabados os informes sectoriais (incluído a avaliación de impacto ambiental, se a normativa o esixe), elevará o proxecto á Comisión Superior de Urbanismo, que se pronunciará sobre os aspectos urbanísticos.
Unha vez rematada esta fase, a Consellería de urbanismo devolverá o expediente á Consellería competente, pola natureza do proxecto, que será a encargada de elevalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación. “Será o Goberno o que habilite aos promotores para o inicio das obras correspondentes e, o Concello velará para que esas obras se executen conforme á licenza outorgada e, de non ser así, poderá suspender as obras e solicitar que se adecúen ao proxecto aprobado polo Goberno da comunidade”, precisou.
Feijóo concluíu insistindo en que “este proceso mantén a garantía dos procedementos; mantén as obrigas dos informes sectoriais; mantén a autonomía municipal e sobre todo resolve os problemas que se podan crear no futuro”.