Saturday 28 de September de 2024

O Concello destina 400.000 euros á convocatoria de subvencións para proxectos de cooperación ao desenvolvemento


O Concello de Santiago destinará 400.000 euros a subvencións a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para a realización de proxectos de cooperación en países empobrecidos. É a contía máis alta desde que se creou esta liña de axudas, en 2017, e supón un aumento do 138% con respecto á anterior convocatoria de 2022. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, incidiu en que “estas bases son o reflexo do compromiso do Goberno coa cooperación ao desenvolvemento e co termos un concello verdadeiramente solidario”.

A Xunta de Goberno vén de aprobar, nunha sesión extraordinaria, as bases da convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións de cooperación ao desenvolvemento. María Rozas explicou que estas bases “son o resultado dun traballo conxunto coa Coordinadora Galega de ONGDs, e responden ás demandas da entidade”.

A principal novidade das bases ten que ver co orzamento, que se incrementa ata os 400.000 euros. Na anterior convocatoria, aprobada en outubro de 2022 e que foi a única do pasado mandato, a partida reservada para as axudas non chegou aos 168.000 euros. Tal e como explicou a concelleira, “o Concello de Santiago será a entidade local de Galicia que destine máis fondos a unha convocatoria destas características, superando o orzamento doutras cidades e tamén da Deputación da Coruña a este tipo de subvencións”. Con esta convocatoria, apuntou María Rozas, “Santiago destinará o 0,3% do seu orzamento á cooperación ao desenvolvemento, moi lonxe aínda do tan falado 0,7%, pero unha porcentaxe que está por riba da doutros concellos galegos e tamén da Xunta, que non logra chegar ao 0,2%”.
Ademais, modifícase a contía máxima que pode recibir cada proxecto beneficiario, que sobe de 25.000 a 40.000 euros, manténdose no 95% a porcentaxe máxima do presuposto do proxecto que poderá financiar o Concello.

Máis facilidades para as ONGDs beneficiarias

Á marxe do aumento orzamentario, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que na elaboración das bases tivéronse en conta “as achegas da Coordinadora Galega de ONGDs, co obxectivo de que as subvencións sexan realmente útiles para estas entidades e, polo tanto, que se traduzan en proxectos beneficiosos para as comunidades ás que van dirixidos”. Nese sentido, na convocatoria prevese que o pago da subveción se realizará de forma anticipada ata o 100% da súa contía, “e como novidade este pago anticipado considérase implícito na propia concesión, mentres que en anteriores convocatorias eran as entidades beneficiarias as que tiñan que solicitalo, o que supoñía unha maior carga burocrática e máis atrasos”.

Ademais, a convocatoria fixa un prazo de dous meses para a súa resolución. Neste sentido, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que as bases aprobadas fixan no 30 de setembro de 2025 o prazo máximo da realización dos proxectos, e dá un mes máis para a xustificación das axudas, “de maneira que as ONGDs terán case un ano natural para desenvolver as iniciativas para as que solicitan a axuda, fronte aos poucos meses que lles quedaban en anteriores convocatorias”.

Por un Santiago máis solidario

María Rozas incidiu en que con esta convocatoria “o Concello de Santiago quere contribuir a obxectivos como a erradicación da pobreza, a igualdade de xénero, a sostibilidade ambiental, e a defensa dos dereitos humanos”. En convocatorias anteriores, estas axudas permitiron financiar proxectos en paises como Guatemala, Nicaragua, Togo ou India, relacionados coa construción de vivienda digna, a agricultura sostible, educación de xénero, a dotación de equipamentos nas escolas, ou a mellora das condicións hixiénico-sanitarias de diferentes comunidades.

As solicitudes deberán presentarse no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Os proxectos beneficiarios serán elixidos por unha Comisión de avaliación na que, ademais do Concello, estarán representadas a Coordinadora Galega de ONGDs e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Deja un comentario