Friday 22 de November de 2024

Remata o obradoiro de emprego ‘Unha ventá medieval ao Porto da Coruña’


Mozos e mozas de entre 18 e 30 anos recibiron formación e emprego durante doce meses en producción fotográfica e dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais

O obradoiro de emprego ‘Unha ventá ao porto medieval da Coruña’ rematou esta mañá co acto de entrega de diplomas aos mozos e mozas que obtiveron xa o seu certificado de profesionalidade. O alumnado-traballador estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Igualdade, Participación, Nereida Canosa, quen destacou a importancia de impulsar iniciativas laborais para a mocidade: “Como Goberno somos conscientes da importancia que ten para a saúde e para o desenvolvemento persoal ter esta primeira oportunidade laboral polo que cada ano nos comprometemos para sacar adiante a convocatoria e ofertar un obradoiro para mozos e mozas”, sinalou.

Trátase dun obradoiro de emprego ofertado para persoas de entre 18 e 30 anos incluidos no Sistema de Garantía Xuvenil e cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, que permite dar formación remunerada a dous grupos de mozos durante un período de 12 meses. Canosa explicou que o Goberno de Inés Rey convocou unha edición similar durante o 2021-2022 baixo o título “Rede virtual de xacementos arqueolóxicos” a través do que se lle dou formación a case unha trintena de persoas en dúas convocatorias.

Nesta edición 2023-2024, o obradoiro dividiuse en dúas especialidades: Producción fotográfica e dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. A través delas, o alumnado-traballador realizou diversas actividades como exposicións e rutas guiadas. Destaca a divulgación cultural a través das redes sociais así como a reprodución dixital de diversos elementos do Castelo de San Antón e edificios patrimoniais como o Convento de San Francisco. O obxectivo é poñelos a disposición na web municipal. O equipo de producción fotográfica tamén realizou o documental ‘A comunidade oculta’ sobre o pasado xudeu da Coruña. A concelleira trasladoulle os parabéns pola formación e desexoulles moita sorte no futuro.