Friday 22 de November de 2024

Aprobada a nova Ordenanza de Inclusión Social do concello de Riveira


O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica na súa edición de hoxe a aprobación definitiva da ordenanza reguladora das medidas de apoio ao Programa de Inclusión Social do Concello de Riveira: unha normativa que fora aprobada unanimemente por todos os grupos da Corporación na sesión plenaria de outubro e que non recibiu ningunha alegación no período de exposición pública.

O novo regulamento está estruturadoen 37 artigos, distribuídos en 7 capítulos, unha disposición derrogatoria e unha disposición final e trae importantes novidades sobre a normativa antes en vigor, como a creación dunha renda social municipal, a posibilidade do aluguer social e da tarxeta moedeiropara gastos de alimentación e outros, ou a facultade de establecer convenios de colaboración con entidades de iniciativa social.

Con esta normativa, o Concello de Riveira vén a regular unha serie de recursos e prestacións económicas, baixo a denominación do Programa Municipal de Inclusión Social, co obxecto de dar cobertura a necesidades que de maneira transitoria e temporal non poden ser satisfeitas a través doutras prestacións públicas, tanto de ámbito autonómico como estatal: conxunto de recursos e medidas que teñen por obxectivo, contribuír a promover a autonomía persoal, afrontar situacións de vulnerabilidade social, contribuíndo ao benestar persoal e familiar, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e fomentar a convivencia comunitaria e a inserción laboral.
Forman parte do programa, o seguinte tipo de medidas:
• Renda social municipal; axuda periódica de natureza económica, dirixida a atender os gastos asociados ás necesidades básicas e produto das accións derivadas do proxecto de integración social. Está destinada ás persoas integradas en unidades de convivencia que non dispoñan de ingresos suficientes para facer fronte aos gastos de primeira necesidade.
• Axudas para afrontar situacións carenciais de necesidades básicas; destinadas a paliar situacións de emerxencia social, afrontar gastos derivados da manutención, do aloxamento e subministro básicos, mantemento da vivenda habitual, axudas para a promoción da autonomía persoal e calquera outro gasto non previsto que resulte imprescindible para a atención inmediata dunha situación de carencia urxente. Estas axudas cubrirán e garantirán uns mínimos de subsistencia persoal ou os precisos para acadar os obxectivos do Proxecto de integración social.Ademais de produtos en especie, ábrese a posibilidade de utilizar tarxetas moedeiro para gastos de alimentación, hixiene, roupa e calzado, sempre a criterio profesional.
• Axudas para a prevención da exclusión e para a inclusión social; destinadas a apoiar e fomentar a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia ou con diversidade funcional recoñecida, así como outros colectivos colectivos en risco de exclusión favorecendo proxectos formativos cun fin laboral.
• Convenios de colaboración con entidades de Iniciativa Social para a inclusión social: O Concello de Riveira, no ámbito das súa competencias e coa aprobación dos orzamentos xerais, desenvolve programas e promove a estabilidade de servizos, mediante a concesión de subvencións nominativas a entidades que traballan para a inclusión social e prevención da exclusión, conforme ao principio de coordinación coa iniciativa privada concertada e as organizacións sen ánimo de lucro do territorio. A dita colaboración concretase na sinatura de convenios de colaboración con estas entidades.
• Así mesmo o Concello promoverá accións encamiñadas a favorecer o acceso ao aluguer social con carácter temporal para aquelas unidades familiares que atravesen unha situación de extrema necesidade.
Mediante estas axudas preténdese facer fronte a situacións de desprotección que non son cubertas por outras administracións ou institucións e que precisen dunha resposta inmediata e urxente. Están dirixidas a persoas e/ou familias que pola súa condición socioeconómica non poidan nun momento dado, afrontar unha serie de necesidades básicas, supoñéndolles, a súa falta de cobertura, un grave desaxuste persoal ou familiar. Son medidas de carácter puntual ou temporal, periódicas, non periódicas ou de emerxencia, que pretenden impedir así que unha carencia económica específica, se converta nunha situación de necesidade crónica que leve á exclusión.
O recoñecemento a percibir a renda social municipal, as axudas para afrontar situacións carenciais de necesidades básicas e as axudas para a prevención da exclusión e para a inclusión social, está vinculado a que previamente se estableza coa persoa solicitante e, no seu caso, coas persoas da unidade de convivencia independente da que forma parte, un proxecto de inserción, co obxecto de facilitar a súa inserción social e/ou laboral.