Friday 22 de November de 2024

O full body incorpórase á oferta das escolas deportivas da Pobra para o curso 2024-2025


A Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal incorpora una nova disciplina ás escolas deportivas para o curso 2024-2025 que comezarán a partir do mes de outubro.

Trátase dunha actividade novidosa na oferta deportiva municipal: o full body. Esta modalidade de adestramento está destinada á poboación maior de 16 anos e pon o foco na activación da maior parte da musculatura, tanto do tren inferior coma do superior. Permite mellorar así o ton muscular e potencia-la axilidade, a mobilidade e a forza co uso de accesorios como mancuernas, bandas elásticas ou toning ball.

Con relación a esta novidade, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, manifesta que “este é un exemplo do compromiso adquirido por parte da Administración local de incrementar e diversifica-la oferta deportiva para seguir así na senda de promover un estilo de vida activo e saudable a través de distintas alternativas para a práctica deportiva. Deste xeito, as escolas deportivas contan no curso actual cunha vintena de disciplinas.”

Se ben o resto de clases iniciaranse na primeira semana do mes de outubro, esta arrancará no día 15 co obxectivo de dar marxe para as inscricións. Impartirase nos martes e xoves, dende as 17.30 ata as 18.30 horas, no polideportivo municipal de Venecia. O prezo é de 40 euros por período de catro meses.

O formulario para a participación deberase entregar cuberto no rexistro xeral de entrada do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula.