Friday 22 de November de 2024

Oleiros destaca pola grande cantidade de espazo público no Congreso da Rede de Cidades que Camiñan que se celebra en Pamplona


O modelo territorial de Oleiros foi exposto hoxe no XI Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que se celebra en Pamplona, polo concelleiro de Mobilidade, Pablo Cibeira, quen puxo en valor os esforzos que o Goberno municipal fai desde hai catro décadas e media para conseguir a ampla e completa rede de espazos públicos e equipamentos que a converten nun caso excepcional no contexto galego. Un modelo territorial que nace como autodefensa ante as ameazas que se proxectaban sobre o municipio nos anos 80, en plena especulación inmobiliaria que converteu os espazos urbanos costeiros en lugares pouco amables coa natureza e as persoas.

A transición democrática serviu en Oleiros para iniciar un modo distinto de entender a política, baseado na participación directa das persoas e as entidades veciñais, que a nivel territorial se traduciu nun férreo proteccionismo das contornas naturais e un parón en seco dos plans embrutecedores e indesexables sobre pobos e contornas habitadas.

Un modelo territorial baseado na vida na natureza, cunha estruturación viaria interna moi completa e ben proporcionada, á que lle queda pendente a mellora da conexión coa cidade central e outras obras como prolongar a Vía Ártabra ou desenvolver a Artabriña para resolver o no da ponte.

A gran cantidade de equipamentos e zonas verdes, que supera amplisimamente as recomendacións dos organismos internacionais, e disgregados ao longo de todas as zonas poboadas do municipio, conforman un ecosistema de espazos públicos non que non é preciso converter rúas en parques, a tendencia máis actual da maioría das cidades compactas.

A Rede de Cidades que Camiñan, á que Oleiros pertence desde hai anos, dedicou a súa atención a este municipio por conformar un modelo de crecemento disperso, pero moi diferenciado dos modos americanos de poboamento grazas precisamente á cantidade de espazo público e equipamentos xerado, e á enorme implicación da cidadanía nas actividades colectivas xeradas tanto nos espazos públicos abertos coma nos diferentes equipamentos conseguidos.