Ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades, entre as que están confirmadas o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e os alcaldes de Ames, Carnota, Cerceda, Dodro, Negreira, Noia, Porto do Son, Teo, Val do Dubra e Vedra, entre outros
Todo listo en Brión para celebrar mañá xoves o Día de Santa Minia e coa esperanza de que se cumpran as previsións meteorolóxicas, que apuntan a que non choverá durante o día grande das festas brionesas e que esa mellora climatolóxica acompañará durante a fin de semana. O alcalde, Pablo Lago, amosa a súa satisfacción “pola gran programación deseñada polo equipo de Goberno, o Departamento de Cultura e os traballadores municipais para que poidamos todos desfrutar dunhas magníficas festas de Santa Minia”.
Mañá venres a avenida de Santa Minia e a contorna da carballeira estará ateigada con máis de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… A música matutina correrá a cargo do grupo de gaitas Airiños do Petouto e da charanga Os Jalácticos, que darán paso a unha sesión vermú protagonizada pola cantante local Ruth Cundíns.
No que atinxe aos oficios relixiosos, as visitas ao santuario comezarán ás 9:00 horas, agardándose a maior afluencia coincidindo coa misa solemne, que terá lugar ás 13:00 horas na casa reitoral. Un ano máis, e por razóns de seguridade, as misas e o depósito de candeas terán lugar na casa reitoral e non na capela, que seguirá abrindo as súas portas para que os devotos poidan cumprir coa tradición de visitar e bicar o sepulcro da Santa MInia. Os demais oficios terán lugar tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).
Recepción de autoridades
Ás 13:00 horas, o alcalde Pablo Lago presidirá a recepción de autoridades na carballeira de Santa Minia. Entre as confirmadas a día de hoxe figuran:
– Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
– Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias
– Antonio Leira, deputado provincial de Deportes
– José Blas García Piñeiro, alcalde de Ames
– Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota
– Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda
– Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro
– Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira
– Santiago Freire Abeijón, alcalde de Noia
– Luis Oujo Pouso, alcalde de Porto do Son
– Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo
– Diego Luís Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra
– Carlos Martínez, alcalde de Vedra
– Concelleiros e concelleiras de Brión, Ames, Carnota e Teo.
A comitiva oficial dará un paseo polas contorna da carballeira de Santa Minia, que continúa pechada ao público salvo a pequena zona que está sendo obxecto do proceso de repoboación que está a levar a cabo o Concello de Brión. Tras asistir ao inicio da sesión vermú con Ruth Cundín, celebrarán un xantar nunha das polbeiras da festa.
Para a tarde, actuacións da charanga Os Celtas de Negreirga e das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, que darán paso a unha verbena coas orquestras Marbella e Origen.