O alumnado elaborou unha peza audiovisual para a segunda edición do certame audiovisual “People of the future”
Un grupo de corenta rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame participou esta mañá nuns obradoiros de videoactivismo medioambiental, organizados no marco do convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Uns talleres de tres horas de duración que buscan fomentar o pensamento crítico, a creatividade e a claridade expositiva entre a rapazada, así como poñer en valor os estilos de vida saudables que a xente nova está a adquirir na loita contra o cambio climático.
Acompañados por persoal especializado da ONG Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), o alumnado realizou actividades de introdución á linguaxe audiovisual e crearon vídeos de temática medioambiental. Unhas pezas que se presentarán na segunda edición do certame audiovisual “People of the future”. Unha iniciativa que está incluída no proxecto “People & Planet: un destino común” está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a dezasete entidades de oito estados membros da UE, máis Cabo Verde.
A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, e a directora do CPI Cernadas de Castro, Pilar Cobas, asistiron a este obradoiro. Un taller que “ten como obxectivo concienciar aos nosos mozos e mozas sobre as graves consecuencias do cambio climático e conseguir que se convertan en axentes activos de transformación da nosa sociedade na procura dun mundo máis sustentable”, apunta Silvia Agrafojo.