Friday 22 de November de 2024

O Pleno aproba a nova ordenanza fiscal que simplificará os trámites administrativos en materia urbanística


Na sesión tamén foi aprobada a Conta Xeral de 2023.

O Pleno reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que o punto máis destacado da orde do día foi a aprobación da ordenanza fiscal número 3.2 reguladora da taxa por títulos habilitantes de natureza urbanística.

O texto refunde as catro normativas municipais actuais nesa materia -datadas nos anos 2011 e 2018, e que serán derrogadas coa entrada en vigor da nova-, o que permitirá simplificar os trámites administrativos e adaptar á realidade actual supostos non previsto no regulamento anterior como as comunicacións previas nas obras ou a expedición de copias polos servizos urbanísticos, entre outros.

Tamén se actualizará a cota tributaria que será, por regra xeral, do 0,4 % da base impoñible da taxa.
A nova ordenanza fiscal 3.2 aprobouse cos votos en contra dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG. O texto publicarase no Boletín Oficial da Provincia para someterse ao período de exposición pública como trámite previo á súa entrada en vigor.

Tamén se aprobou a Conta Xeral do ano 2023, neste caso coa abstención do BNG e o voto en contra dos dous concelleiros do PSdeG-PSOE. Como dato de maior relevancia, o orzamento definitivo alcanza un importe de 14.896.384,04 euros, o que supón un incremento superior a 51 % con respecto ao presuposto inicial (9.850.000 euros), o que reflicte a prudencia coa que foron elaborados. O remanente de tesourería para gastos xerais total resultante ascende a 2.409.147,97 euros, estando xa parte desa cantidade comprometida nos orzamentos.

Salientar, tamén, a aprobación dunha moción contraria á actualización do canon de Sogama que implicaría maior custe para os Concellos no tratamento dos residuos sólidos urbanos. Os acordos tomados foron esixir ao Goberno central a supresión dos impostos que gravan a actividade e recuperar a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama á que tiña dereito ata 2026. Unha vez atendidas ditas peticións, esixir a Sogama que se comprometa a non aplicar a suba prevista para 2025.