Saturday 16 de November de 2024

Luz verde á aprobación provisional da modificación do planeamento urbanístico na parcela da Finca do Espiño


A Corporación municipal gardou un minuto de silencio en recordo das últimas vítimas de violencia de xénero

A Corporación municipal gardou un minuto de silencio en recordo das últimas vítimas de violencia de xénero

O Pleno municipal acordou na sesión ordinaria do mes de setembro a aprobación provisional da modificación puntual do PXOM e do PE-1 que suprime o aproveitamento lucrativo previsto na parcela privada de 8.012 m2 situada no perímetro da Finca do Espiño. A Corporación deu o seu visto e prace a este trámite cos votos favorables de BNG, CA e PSdG e a abstención do PP, despois de que en novembro de 2023 o Pleno acordara por unanimidade a súa aprobación inicial. Agora só resta a aprobación definitiva para a aplicación desta modificación que, en palabras do concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, supón “preservar a calidade paisaxística do Espiño”.

Esta aprobación avanza no procedemento para culminar a modificación puntual do PXOM e do PE-1, que ten o obxectivo de eliminar a edificabilidade e os usos privados nesta parcela, previstos no planeamento aprobado en 2004. Así, o planeamento vixente distingue dúas zonas no ámbito suxeito a esta modificación puntual: unha zona cualificada como dotación pública, que inclúe os parques urbanos PU-14.1.b e PU-FE e máis o equipamento SC-FE; e unha zona edificable de titularidade privada, a parcela EM-FE, de 8.012 m2, disposta no perímetro do ámbito, con aproveitamento lucrativo, na que se bpermite edificar un volume de 10.500 m2 construídos, susceptible de albergar distintos usos de carácter privado: asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario.

Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo defendeu que con esta modificación lógrase o obxectivo de “preservar a calidade paisaxística do Espiño a través da supresión do aproveitamento lucrativo deste ámbito”. Ao respecto do proceso seguido, Iago Lestegás detallou que “tanto o Instituto de Estudos do Territorio e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiron cadanseus informes favorables” a esta nova ordenación.

Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, destacou que a Finca do Espiño “é un miradoiro excelente sobre a fachada oeste da cidade histórica, que constitúe o perfil máis característico e recoñecible de Compostela” que ademais conta cunha “contorna ambiental de gran valor, atravesada polo río Sarela e enmarcada polo monte Pedroso” e “perfectamente visible” desde a Alameda, polo que esta actuación se fai sobre este ámbito “co obxectivo de preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos”.

Iago Lestegás explicou no Pleno que a adquisición dos terreos por parte do Concello contempla calquera das opcións recollidas na Lei do Solo, é dicir, a través de convenio coa propiedade, permuta forzosa ou expropiación de terreos, e lamentou o cambio de postura do grupo popular con respecto ao pasado mes de novembro.

Mural do artista Urbano Lugrís

O Pleno tamén aprobou por unanimidade de xeito definitivo da Modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) co obxectivo de garantir, por razóns de interese público, a protección in situ do mural que o recoñecido artista Urbano Lugrís pintou na rúa do Franco, 56, para o Bar América que foi inaugurado en 1954.

Este mural é o último exemplo dos que o artista pintou na capital de Galicia que aínda se conserva no mesmo lugar para o que foi pensado, o que lle engade máis valor á obra. Dos que existían na cidade perdéronse os do Hotel Compostela, os do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez que agora se encontran espallados en coleccións públicas e privadas.

O vixente Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) inclúe un Catálogo de protección, que identifica os inmobles que son obxecto de preservación, incorporando unha ficha de catalogación para cada edificio, na que se identifican os elementos catalogados. No caso do edificio que acolle o mural na rúa do Franco, ata o momento tiña asignado o nivel 4 (interese ambiental) pero non figura catalogado ningún elemento interior.

Outros asuntos

Os grupos municipais tamén deron luz verde por unanimidade ao nomeamento do antigo campo da festa da Gracia, a carón do CSC, como “praza da Veciñanza” e á aprobación definitiva do Estudo de detalle para establecemento de condicións estéticas de fachada nos chalés adosados na zona Z.1 do SUNP-29, en Brandía.

Tamén foron aprobadas por unanimidade dúas proposicións presentadas polo grupo municipal socialista, unha sobre o cumprimento efectivo dos acordos plenarios do curso político 2023-2024 e outra relativa ao servizo de conserxería e limpeza dos centros de educación infantil e primaria. Tamén se aprobou a moción presentada polo PP para axilizar a xestión do proxecto entre Sar e Sarela e evitar a perda de fondos europeos de recuperación Nextgeneration.