O sábado 28 de setembro na Praza Estehr Pita terá lugar o VII Festival Rockanroleiros.
Durante toda a xornada, a Praza Esther Pita acollerá actuacións musicais para todos os públicos. Ás 12:30h terá lugar a sesión vermú co GRUPO GRAN RESERVA, un proxecto musical que comeza no ano 2016 da man de Men Viñas, Javier Sobrino, Juanra Alberich e Jesús Sotelo, interpretando covers dos éxitos máis coñecidos do pop-rock español dos anos ‘80 e ‘90 até a actualidade.
Pola tarde, ás 18:30h será a quenda de ATÚN BLANCO, o proxecto musical de Antón Blanco Rey. Unha viaxe polarizada que combina delicadeza acústica e experimentación electrónica, dando lugar a sons difíciles de catalogar, inspirados en artistas como Bon Iver, Ben Howard o John Frusciante,
Ás 19:15h, CROWDED deleitará aos asistentes con música onde se exploran diferentes estilos que conforman as súas influencias como o Nu-Metal, o Grunge ou Metal progresivo, entre outros. O grupo participou no Resurrection Fest 2024 ou Flores Rock ademáis de quedar finalistas no concurso de bandas de Estrella Galicia.
Ás 20:15h, BESTAS; unha banda formada no 2023 integrada por compoñentes e excompoñentes de Bastards on Parade, Trapallada, Wasted Wiltons e Beloucinha Express, entre outros. Nesta banda están presentes a distorsión e os instrumentos tradicionais, o dbeat e a muiñeira, os temas propios e os populares. Do tradicional ao punk rock e 100% en galego.
Ás 21:15h, AWY; banda de pop-punk que xurdiu na Coruña en 2021. Composta por catro rapaces que comezaron o seu proxecto musical baseado en letras crúas e melodías pegañentas influenciadas polo son do punk da súa preadolescencia.
Cara a noite e a partir das 22:30 será a quenda da banda VIVA BELGRADO e o seu rock alternativo sen complexos, e para pechar a xornada ás 00:00h iniciará a súa actuación a banda DIOS KE TE CREW.
A entrada é de balde.