Destaca a pioneira implantación da matrícula gratuíta nas universidades para garantir a igualdade de oportunidades
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por implantar políticas transversais que axuden a fomentar e reter o talento, a través de medidas como un sistema educativo moderno e accesible e de políticas de apoio á innovación.
Así o destacou hoxe durante a clausura do foro Next Spain, organizado polo grupo Vocento, que se centrou nesta edición no empoderamento do talento e na innovación local. “En Galicia hai talento de sobra, polo que a obriga das Administracións é facer que aflore, potencialo e coidalo para que se atope a gusto aquí”, afirmou o presidente.
O titular do Executivo galego eloxiou a pertinencia de escoller a cidade da Coruña para acoller este foro. Neste sentido, lembrou que a cidade herculina foi elixida sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), que conta coa Cidade das TiC e que ten un ecosistema de I+D+i moi relevante.
En canto ás políticas públicas para potenciar o talento, apelou a facelo desde un sistema educativo adaptado aos retos actuais e que valore a cultura do esforzo. Asegurou, tamén, que “a educación ten que ser universal e accesible para que sexa verdadeira educación”, como en Galicia, onde este curso se implantou a matrícula gratuíta nas universidades e estudos artísticos superiores.
En canto á innovación, valorou o abano de axudas que ten posto en marcha a nosa comunidade nos últimos anos para atraer investigadores e apoialos en diferentes etapas. Unhas medidas que teñen demostrado o seu éxito, xa que nos últimos anos o persoal dedicado ao I+D+i en Galicia aumentou nun 43 %.