O centro de día da Pobra do Caramiñal emprendeu un ano máis a andaina Os camiños da memoria con motivo do Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora cada 21 de setembro.
Esta cuarta edición sumou máis dun cento de camiñantes, entre persoas usuarias, familiares das mesmas e profesionais do centro de día da Pobra, ademais de contar coa participación da Asociación Ambar, Asociación Misela, centro de día Agadea e alumnado e profesorado do CEP Salustiano Rey Eiras.
A Concellería dos Servizos Sociais decidiu colaborar novamente con esta iniciativa que busca “visibilizar e concienciar sobre o alzheimer, ademais de sensibilizar sobre o impacto que ten non só na vida dos e das maiores que o padecen, senón tamén na do seu círculo próximo. É imprescindible, polo tanto, poñer en valor tamén o importante compromiso das familias e persoas coidadoras. Precisamente, por todo isto, optouse por seguir traballando esta cuestión de maneira máis activa coa rapazada do referido colexio en formato de andaina interxeracional, pois son moitas as crianzas con avós e avoas, familiares na vellez, con esta doenza. E este tipo de experiencias axúdalles a comprender e achegarse mellor a esta realidade”, en palabras da edil Amparo Cerecedo.
Para facilita-la participación, a actividade realizouse no venres, 20 de setembro, con saída das inmediacións do centro de día pobrense para percorrer parte do núcleo urbano ata chegar ao teatro cine Elma, onde se desenvolveu un acto con lectura dun manifesto con especial énfase no agradecemento ás persoas coidadoras.