Friday 22 de November de 2024

A Xunta destinou 3,5 M€ en axudas para apoiar iniciativas de empresas, autónomos e entidades sociais para o tratamento de residuos téxtiles en Galicia


— Ángeles Vázquez pon en valor o compromiso coa redución da xeración de refugallos, a economía circular e a innovación da empresa coruñesa, que produce un material novidoso e sostible a partir de material téxtil e aplicable en mobles e na construción

— Antes de final de ano publicarase unha nova convocatoria para financiar actuacións destinadas á preparación para a reutilización e a reciclaxe deste tipo de residuos, que os concellos deberán recoller de forma separada a partir do 1 de xaneiro de 2025

A Xunta concedeu nos últimos anos 3,5 millóns de euros en axudas para apoiar iniciativas e proxectos promovidos en Galicia por empresas, autónomos, asociacións e fundacións sen ánimo de lucro relacionadas coa xestión e recuperación de residuos téxtiles recollidos de forma separada.
Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á planta que ten en Arteixo a empresa Insertega (Iniciativa Social Emprendedora da Reciclaxe Téxtil en Galicia), que se dedica precisamente ao tratamento deste tipo de residuos e aposta polo I+D+i nos seus procesos produtivos.
Acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e da directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, a conselleira puxo esta firma como exemplo do “potencial deste sector” desde o punto de vista da creación de emprego verde, de calidade e inclusivo.
De feito, Insertega, que dá emprego directo a preto de 70 persoas, recibiu desde o ano 2022 dúas subvencións da Xunta por un importe global de 657.000 euros destinadas a ampliar e mellorar a planta de clasificación que ten a empresa en Almeiras (Culleredo) e as instalacións de Sabón que visitou esta mañá.
A conselleira explicou que, grazas a unha destas axudas, naceu o proxecto Equore, froito da unión entre Insertega e Ofimor Group e que actualmente se dedica á produción dun material novidoso e sostible fabricado a partir de refugallos téxtiles non recuperables. Trátase, concretamente, dun revestimento reciclado e personalizable en diferentes acabados e texturas con aplicacións moi interesantes para a fabricación de mobles e tamén no eido da construción.
Neste sentido, Ángeles Vázquez puxo en valor o esforzo e compromiso de empresas como estas cos obxectivos europeos de redución da produción de refugallos e o impulso á economía circular, que busca prolongar ao máximo a vida útil dos produtos a través de novos usos e aplicacións que permitan integralos de novo no mercado.
Ademais, destacou a importancia das outras dúas liñas de produción nas que está especializada a empresa coruñesa: por un lado, a preparación para a reutilización daqueles residuos téxtiles aptos para a súa venda posterior en tendas de segunda man e por outro, a fabricación de material reciclado que se utiliza despois como materia prima para a industria téxtil e outros usos. Unha actividade coa que, recalcou, evitouse a xeración de 14.000 toneladas de gases contaminantes.
Novas obrigas e necesidades
Cómpre lembrar que a Estratexia europea para a circularidade e a sustentabilidade dos produtos téxtiles propón que para o ano 2030 todos os produtos téxtiles comercializados na UE sexan reciclables e estean fabricados en gran parte a partir de fibras recicladas e libres de substancias perigosas.
Ademais, a partir do 1 de xaneiro do ano que vén os concellos de toda España terán que ter implantada a recollida selectiva dos residuos téxtiles de carácter doméstico, dúas circunstancias que xerarán novas necesidades para garantir a xestión desta fracción e tamén oportunidades de negocio nun sector moi importante en Galicia.
Por iso, Ángeles Vázquez anunciou que o seu departamento seguirá apoiando a aquelas pequenas e medianas empresas e entidades sen ánimo de lucro que decidan impulsar novos proxectos ou ampliar os que xa teñan en marcha para a xestión da fracción téxtil, unha colaboración que se concretará, segundo dixo, antes de que remate 2024 a través de novas convocatorias de axudas en liña coas publicadas nos dous anos anteriores.