A alcaldesa, Inés Rey, presentou a proba en María Pita ante as entidades sociais e empresas que colaboran
“Todas as persoas teñen dereito a acceder ao deporte e a ser tratadas como iguais en todos os aspectos da vida”, sinalou Rey
A alcaldesa, Inés Rey, presentou a edición número 11 da Carreira ENKI, que terá lugar o vindeiro 19 de outubro nas rúas da cidade. A rexedora estivo acompañada por Ángel López e Carmen Touza, presidente e xerente da Fundación ENKI, e da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón.
As inscricións xa están abertas na páxina web de ENKI e hai case 10.000 dorsais vendidos. O obxectivo é repetir o récord de participación do 2023, que foi de 15.000 persoas, o que a converteu na proba deportiva e solidaria máis grande de Galicia e a sexta a nivel nacional. “Todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición, teñen dereito a acceder ao deporte e a ser tratadas como iguais en todos os aspectos da vida”, sinalou Inés Rey.
Este ano o lema da proba de deporte e ocio inclusivo é ‘A carreira que axuda a cambiar as persoas que axudan a cambiar o mundo’. Durante a presentación, na que estiveron presentes numerosas entidades sociais da cidade e do resto da comunidade, resaltouse o papel que ten esta proba para reforzar os valores de solidariedade, participación cidadá e cohesión social, creando un espazo onde a diversidade se celebra e visibiliza.
“Desde o Concello levamos a cabo diferentes iniciativas sociais e urbanísticas para favorecer o acceso de todas as persoas aos diferentes servizos públicos”, apuntou a alcaldesa. A rexedora quixo animar o sector privado coruñés a participar na campaña de visibilización desta proba, que busca identificar as empresas e compañías que participarán na carreira.
De novo, trátase dun circuíto de obstáculos adaptados de 2,5 quilómetros, con probas singulares como a montaña de rodas, o labirinto de cordas ou a bomba de fariña. O programa do vindeiro 19 de outubro completarase con diferentes actividades e premios, entre eles, ao equipo máis numeroso, ao disfrace máis orixinal e ao máis animado.
A recadación total destinarase a adquirir material deportivo adaptado e á posta en marcha de actividades de ocio e deporte para entidades sociais. Por outra banda, os centros educativos que participen entrarán no sorteo dunha xornada de deporte adaptado no centro, un kit de deporte adaptado e tamén poderán conseguir dorsais gratuítos para a vindeira edición do 2025.