Saturday 16 de November de 2024

Mocidade do concello de Fene tomará as rúas para provocar a reflexión en torno ao dereito á auga


Son os participantes do obradoiro de comunicación de guerrilla do proxecto #PeopleAndPlanet impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social ( Agareso)
Buscar impacto, xerar conciencia, transgredir… estas son solo algunhas das características coas que poderiamos definir a comunicación de guerrilla, unha técnica comunicativa suxerinte e nada convencional que se vale dos cánones da publicidade, da performance, do uso do mobiliario urbano ou da intervención en monumentos…, co obxectivo de utilizar o espazo público para provocar unha reflexión na cidadanía.
Neste caso serán os mozos e mozas de do concello de Fene e outros concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade os que porán a súa creatividade a traballar para deseñar e propoñer unha acción que faga reflexionar aos seus veciños e veciñas en torno ao dereito a auga e as súas problemáticas asociadas.
O alumnado do IES Fene participará nas seguintes datas: 1, 8 e 15 de outubro, nunha formación de 6h divididas en 3 sesións na que aprenderán técnicas básicas de comunicación de guerrilla, reflexionarán sobre o Dereito Humano á Agua e sobre as consecuencias da mala xestión dos recursos naturais.
As sesións serán impartidas por persoal da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social AGARESO onde aprenderán non solo as peculiaridades que usa esta táctica comunicativa senón tamén sobre a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global.
A idea é que escollan un tema local sobre o que deseñar unha acción pública de denuncia ou sensibilización que executarán posteriormente nun espazo público da localidade, converténdose en axentes do cambio. Esa sería a nosa acción de rúa de comunicación de guerrilla.
Así que advertidos quedan, se no mes de outubro pasean por algúnha zona de Fene, prepárense cando menos, para a sorpresa.
#PeopleAndPlanet
O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde