Sunday 24 de November de 2024

Concello e Deputación abordan varias melloras na rede viaria provincial ao seu paso por San Sadurniño


A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, achegouse este martes por San Sadurniño para manter un encontro co alcalde, Secundino García, no que ambos comentaron o estado dos proxectos de mellora da rede viaria provincial ao seu paso polo municipio, ademais de abordar outras propostas relacionadas coa seguridade peonil e coas infraestruturas básicas. En concreto, o encontro serviu para coñecer en que punto se encontra o plan para ampliar a estrada entre o Campo da Feira e Riboira -que levará unha senda peonil- e para solicitar da Deputación que as obras de aglomerado que vai executar entre a Pena e o centro urbano se aproveiten para deixar listas as canalizacións do saneamento proxectado polo Concello en Silvalonga. Secundino García, quen recibiu á deputada acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Manolo Beceiro, cualificou a visita como “moi produtiva e positiva”, xa que tamén se puxeron enriba da mesa outras propostas que Rodríguez se comprometeu a estudar co seu departamento.

Un dos proxectos de maior envergadura económica xa en marcha é o que prevé ampliar, aglomerar e dotar dunha senda peonil a pista de titularidade provincial DP-7602 que vai desde o Campo da Feira ata Riboira, onde conflúe coa estrada de Ortigueira.

Trátase dun proxecto orzamentado en máis de 650.000 euros -expropiacións incluídas- que se aprobou en 2021 e do que incluso se levaron a cabo as expropiacións correspondentes. Porén, a actuación viuse demorada pola obriga de contar cos informes sectoriais de ADIF, de Augas de Galicia e tamén da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

De feito, este último organismo requiriu que se modificase o plano da senda peonil para afastala do ámbito de protección dos restos do castro de Riboira. “O último tramo da senda estaba proxectado polo lado dereito segundo se sobe cara a Riboira e agora terá que pasar para o outro lado, o que requirirá facer novas expropiacións”, comenta Secundino García. “Segundo nos explicou a deputada, unha vez superado este último condicionante, as obras poderán licitarse”.

O alcalde lembrou que o plan para anchear a estrada ata Riboira e de dotala dunha senda para viandantes “foi unha petición do Concello formulada hai case dez anos que quedou encauzada polo concelleiro e deputado Suso Soto”. García Casal sinalou que a intención municipal é “solicitar a súa transferencia tan pronto como as obras estean rematadas. O lóxico é que unha estrada interior destas características pase ser municipal”.

Por outra banda, durante a visita de Mónica Rodríguez Ordóñez tamén se falou da DP-7603 entre o núcleo de San Sadurniño e Valdoviño. Unha estrada que nestes momentos ten en fase de licitación o aglomerado do tramo comprendido entre A Pena e a Agra de Arriba.

Un trazado que pasa por Silvalonga, onde o Concello ten previsto ampliar o saneamento por medio dun proxecto cuantificado en algo máis de 96.000 euros. A rede de sumidoiros está deseñada con catro novos ramais que deben comunicarse en dous puntos pasando por debaixo da vía provincial. Por esta razón, desde o Concello solicitóuselle á deputada que durante os traballos de reparación da estrada se tivese en conta esta necesidade e que, de ser posible, se deixasen feitas as canalizacións polas que logo pasarían os condutos.

“O proxecto témolo listo e incluiuse na relación de propostas do POS Complementario deste ano, en espera de que haxa financiamento para executalo”, explica Secundino García. “Se a Deputación nos deixa listos os dous sitios polos que cruzar a estrada, máis adiante evitaremos ter que andar furando ou levantando o aglomerado. E ademais, coordinándonos agora podemos rebaixar o custe da obra do saneamento nuns 15.000 euros”, asegura o rexedor local.

Ampliación da senda peonil na DP-7601 e saneamento na Seara
En relación cos saneamentos e as melloras viarias, a visita de Mónica Rodríguez tamén deu para achegarse até Ferreira e falar sobre o terreo da posibilidade de ampliar a senda peonil paralela á DP-7601, que neste momento cobre o percorrido entre Pontellas e a Camba. Neste sentido, o Concello trasladoulle á responsable provincial de Vías e Obras a conveniencia de continuar desde a Camba até a Seara, habida conta de que “é unha estrada que soporta bastante tráfico e que nesa zona ten un tramo de curvas que recomenda reforzar a seguridade de quen vai a pé”, indica o alcalde. Segundo o rexedor, a representante provincial tamén se comprometeu a estudar esta posibilidade dentro dos plans específicos para sendas peonís que vén desenvolvendo o seu departamento.

Por último, desde o Concello tamén se lle expuxo á deputada a idea de dotar o núcelo da Seara dunha pequena rede de saneamento con conexión ao sistema de depuración biolóxico da Vila, que funciona mediante filtraxe con gravas de distinto calibre e plantas acuáticas.

“Foi unha visita moi proveitosa, e coido que tamén moi produtiva e positiva. Puxémonos ao día sobre o estado de proxectos que a Deputación ten en marcha en San Sadurniño e, pola nosa banda, a reunión serviunos para solicitar pequenas e grandes melloras que a deputada se comprometeu a estudar co seu cadro técnico”, resumiu Secundino García.