Friday 22 de November de 2024

O BNG de Oleiros preguntará no vindeiro pleno ao Concello sobre os datos da DXT nos que Oleiros figura como segundo Concello da Galiza en incremento de número de vehículos matriculados


Nas cidades galegas en cambio os vehículos matriculados están a descender, igual que o censo de condutores e condutoras

Os coches foron hexemónicos nas nosas cidades e vilas durante o último século. As estatísticas máis recentes da Dirección Xeral de Tráfico apuntan a un fin de ciclo -cando menos nas cidades- consolidando tendencias iniciadas hai tempo. Nas sete cidades galegas os vehículos matriculados están a descender, igual que o censo de condutores e condutoras, que son as persoas que ostentan permiso para conducir. Pola contra, no Concello de Oleiros a situación é a inversa, somos o segundo Concello da Galiza no que máis se incrementou o número de vehículos matriculados cando a veciña cidade da Coruña foi onde menos se incrementou e onde menos vehículos hai por habitante. As consecuencias deste incremento acentúan aínda máis a nosa maltreita mobilidade.
Perguntaremos ao Concello que interpreta destes datos (cuxa fonte é a DXT) e desta situación.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:

A vivenda de prezo taxado non permite o acceso á mesma das persoas con dificultades para acceder á vivenda a prezo libre

A función social da vivenda e o dereito a acceder a esta carece de valor diante dun sistema que a considera un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado.

Perante esta emerxencia, Estado e Xunta desapareceron dende hai lustros. O Concello, pola súa banda, tomou recentemente a iniciativa neste eido coa tramitación de vindeiras vivendas de prezo taxado cun prezo mínimo de 210.000 euros. A iniciativa é positiva, máis no deserto actual que supón a vivenda de protección oficial na Galiza, porén entendemos que existe unha gran cantidade de persoas que están moi lonxe de poder acceder a estes prezos taxados. Achamos, pois que se deben instaurar vivendas protexidas accesíbeis ás persoas que máis o precisen, e que non poden acceder a estes prezos taxados. De non ser así, o goberno municipal estaría a promover a construción de vivendas cun prezo protexido ás que só poden acceder persoas que non teñen problemas para acceder á vivenda a prezo libre, e fican excluídas as persoas que xa están fóra do mercado por motivos económicos. Gostaríamos de saber cal é a opinión do Goberno local e se ten pensada algunha medida ao respecto.
Continúan os engarrafamentos en Sol e Mar

Após a inauguración das obras do Sol y Mar semellaba que os engarrafamentos poderían desaparecer, ou cando menos diminuír en grande medida. Porén, co remate do verán e a volta aos colexios, tamén volveron os engarrafamentos e as retencións na zona do Sol y Mar (non no túnel). Dende o Concello atribúese este problema a unha mala selección das opcións elixidas polos condutores, nomeadamente os procedentes de Sada, que en opinión do Concello deben incorporarse á avenida das Mariñas noutros puntos anteriores. Novas infraestruturas, novas alternativas.
Preguntaremos ao Concello se consta unha diminución dos problemas após estas recomendacións ou se se van transmitir dun xeito máis formal, alén da existencia doutras medidas adicionais que o Concello considere acaídas para reverter esta situación.
Que alegacións fixo o Concello ao proxecto de regulación da Costa de Dexo?

A Xunta da Galiza establece un Proxecto de Decreto, onde recoñece por fin o desleixo padecido pola Costa desprotexida de Dexo, denunciado por cidadáns e colectivos durante lustros, perante a desaparición total das Administracións nas súas obrigas. Este proxecto chega cun atraso incomprensíbel de 23 anos após a súa declaración como Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes (papel mollado). É unha boa noticia que a Costa de Dexo teña por fin un Plan integral de xestión, en substitución da trapallada absurda de dúas follas que está vixente na actualidade. Houbo periodo de alegacións nos que o voceiro do BNG no Concello de Oleiros presentou 18 alegacións cunha finalidade claramente conservacionista.

Preguntaremos ao Concello polas alegacións fixo o Concello ao proxecto de regulación da Costa de Dexo.
Existencia de control do Concello sobre as distancias mínimas da maleza e de eucaliptos, acacias e piñeiros con respecto das vivendas

Veraos, lumes-eucaliptos. Ao abeiro da lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios florestais da Galiza, nomeadamente nos artigos 8 e 21, os Concellos teñen competencias en materia de prevención de lumes, entre outras a de controlar as distancias mínimas da maleza e de eucaliptos, acacias e piñeiros con respecto das vivendas e proceder a eliminación das árbores que infrinxan estas distancias. No Concello dispoñemos ademais dunha Ordenanza que regula as plantacións e talla no Concello de Oleiros.

Preguntaremos ao Concello se está a proceder a controlar estas distancias mínimas e a tomar as medidas oportunas en caso de non cumprírense.