A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou hoxe a participación de preto dun milleiro de persoas -950 entre adultos e menores- na terceira edición das 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón. Esta proba de ultrafondo do noroeste celebrarase este sábado no paseo de Xuvia, cun prazo de entre 24 e 48 horas para realizar un percorrido que levará aos participantes polos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño. Ao acto de presentación acudiron tamén Óscar Somorrostro, presidente do Club Deportivo Narón 101, que organiza o evento co Concello; Ibán Santalla e José Oreona, concelleiros de Deportes e Seguridade Cidadá de Narón, respectivamente; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol; Mª Carmen Pieltain, concelleira de Seguridade de Ferrol e Sabela Muñoz e Marta Peláez, representantes da empresa Naturgy.
A proba conta a maiores coa colaboración de Navantia, o Arsenal, a Armada e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, ademais dos concellos de Ferrol e Valdoviño, por onde discurrirán parte dos 101 quilómetros. Os primeiros en saír serán os ciclistas, tanto na modalidade de MTB como de e-bike, que partirán do paseo de Xuvia o sábado ás 8:00 horas, para rematar o percorrido nun tempo máximo de 12 horas. A continuación, ás 9:00 horas, será a saída dos marchadores, nas diferentes categorías, que terán 24 horas para completar as 21 Leguas.
“Temos moitos participantes de Narón e comarca, pero tamén unha importante representación de Cataluña, Andalucía, Madrid, Asturias e ata un suízo e un noruego…”, apuntou Ferreiro, destacando “a relevancia que nestes tres anos adquiriu este evento deportivo para o que agradezo de antemán toda a colaboración tanto a nivel individual como profesional e de administracións e empresas”.
O presidente do Club Narón 101 agradeceu ao Concello “o feito de creer no proxecto dende o primeiro ano e pola súa implicación xunto coa doutras entidades e patrocinadores, así como persoal voluntario porque sen eles, sen a súa colaboración que é totalmente altruísta, sería totalmente imposible facelo”.
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Narón destacou o feito de que se trata dunha proba “que se vai consolidando na comarca, cumprindo esa terceira edición” e destacou a “brillante idea da organización” polo que supón en canto á “posta en valor da riqueza natural e patrimonioal que temos nos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño e incluso do industrial, ao ir o trazado polo interior do Arsenal e do estaleiro de Navantia”.
A edil de Seguridade de Ferrol, recalcou o esforzo que supón a organización dunha proba destas características e valorou o traballo de todo o persoal que está na organización do evento, ao tempo que desexou moita sorte a todos os participantes.
Dende a empresa Naturgy aseguraron que “é un gusto seguir colaborando con esta proba, que para nós é un exemplo perfecto da convivencia dese territorio, cultura e paisaxes cunha das nosas instalacións que é o parque eólico Novo”.
No paseo de Xuvia, entre as 10:00 e as 11:00 horas haberá unha proba especial, as 21 Leguas Kids, para as nenas e nenos de 4 a 14 anos, que poderán realizar un percorrido de entre 100 e 1.250 metros, en función da súa idade, polo paseo de Xuvia. As 100 prazas que se ofertaron esgotáronse ás poucas horas de abrir o prazo de inscrición.
En todo o percorrido haberá un total de 12 puntos de avituallamento para atender aos participantes e a sede de control xeral estableceuse nas instalacións de FIMO. Unhas 200 persoas, entre persoal sanitario, forzas de seguridade e voluntariado, estarán colaborando para o correcto desenvolvemento desta proba, que implicará algunhas restricións no tráfico rodado a medida que se vaia celebrando e que estarán debidamente sinalizadas. Entre o voluntariado figura persoal de Protección Civil de Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira e Carral.