Ante os graves problemas que se lle estaban a crear ao conxunto da cidadanía da comarca, atendendo aos informes do Concello de Oleiros e da Garda Civil de Tráfico, a Subdelegación do Goberno determinou que as próximas manifestacións dos mariscadores afectados polas obras de dragado da ría deberán desenvolverse nas beirarrúas, sen cortar o tráfico de vehículos na ponte Pasaxe. O reducido número de manifestantes -20- fai posible esta alternativa, que garante o dereito a manifestación e o de milleiros de cidadáns a desprazarse.
Tanto o Concello de Oleiros como a Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña emitiron diversos informes nos que desaconsellaban o corte do tráfico na ponte Pasaxe dado os insoportables colapsos circulatorios que se viñan producindo en horas punta, supoñendo unha circunstancia especialmente perigosa para doentes e urxencias do Hospital Materno Infantil, o CHUAC e outros centros sanitarios. Os cortes de tráfico tamén supoñían riscos para a seguridade viaria –chegaron a producirse accidentes de circulación- e importantes retrasos para milleiros de traballadores e estudantes.
Para lograr un maior apoio social, as protestas dos mariscadores non podían seguir danando a outros colectivos de traballadores. A democracia outorga uns dereitos para ser utilizados, pero tamén ten límites. Para defender os seus intereses ante o Estado, os mariscadores poden optar por outros métodos máis efectivos e que non importunen a milleiros de cidadáns.