Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Neda reactiva en outubro as súas escolas de teatro infantil e de adultos


As persoas afeccionadas ao mundo da interpretación de Neda seguirán tendo unha cita semanal no municipio. O Concello retoma en outubro as súas escolas municipais de teatro. As agrupacións infantil-xuvenil e a de adultos manterán intacto o seu potente equipo docente, contando como mestres e directores con Marián Rey e Agustín Bolaños.
A partir do próximo mes, os participantes destas aulas culturais volverán facerse co escenario do salón de actos da Casa da Cultura. O Concello retoma esta aposta, que botaba a andar hai xa sete anos para brindar á veciñanza un espazo no que poder expresarse e desenvolverse a través da arte. Talleres para fomentar a creatividade, crear afección pola dramaturxia e iniciar aos nedenses no campo da interpretación.
Neste novo curso, Marián Rey, fundadora da compañía Teatro Calavera volverá poñerse á fronte do cadro de actrices e actores infantil e xuvenil. Un grupo aberto a nenos/as e rapazada de ata 16 años. A compañía infantil, que participaba o pasado curso por primeira vez no “XXV Certame de teatro escolar e afeccionado da Deputación da Coruña”, obtendo diplomas para as actuacións de varios dos seus integrantes, pechaba curso coa estrea da comedia “Casa Amanda”. Pola súa banda, o taller de teatro de adultos seguirá contando como mestre, un ano mais, co actor, director e distribuidor Agustín Bolaños, que actualmente lidera O Catre Teatro.
Nos dous casos, as clases terán lugar os mércores pola tarde, en horario de 17 a 19:30 horas (estableceranse dous grupos de infantil en función da idade) e de 19:30 a 21 horas será a quenda dos maiores. Apuntan dende o Concello que, ao estar os grupos consolidados, as posibilidades de incorporarse están moi limitadas, podendo só quedar libre algunha vacante (981 390233).