Saturday 16 de November de 2024

“Horta labrega” e “Saberes e sabores das nosas froitas”, dous novos cursos para o segundo cuadrimestre da UNED-Senior de Lousame


As inscricións poden facerse no mail maisdetres@yahoo.es ou no teléfono 686 783 800 ata finais de febreiro

A Aula de Toxosoutos, sede da UNED-Senior da Coruña en Lousame, convoca dous novos cursos formativos para o próximo cuadrimestre: “Horta labrega” e “Saberes e sabores das nosas froitas”. Trátase de dous cursos regrados e aprobados pola UNED que terán lugar na Aula de Toxosoutos entre os meses de marzo e xuño. As inscricións están abertas ata finais de febreiro a través do mail maisdetres@yahoo.es ou do teléfono 686 783 800. O prezo é de 50 euros por curso e cuadrimestre.

María do Carme Freire Cruces, directora de Maisdetres e profesora dos cursos, explica que “os cursos están abertos á participación de calquera persoa, independentemente da súa idade, se ben só o alumnado maior de 55 anos recibirá o Certificado de Participación e 3 créditos”. No caso de superar dez materias, é dicir, de conseguir 30 créditos, recibirán un Diploma no que se especificarán as materias e contidos cursados; e se o alumno o complementa coa realización dun traballo final, conseguirá o título “Sénior Superior”, propio da UNED.

Contido do curso

Freire Cruces explica que os obxectivos xerais deste cursos son “recompilar e prantar na horta de Toxosoutos variedades de froita e hortalizas da comarca coa finalidade de transmitir coñecemento e formar a novas persoas. Tamén elaboraremos material escrito e fotográfico para o inicio dunha publicación colectiva da UNED-Sénior, chamada ‘Saberes e sabores’, así como dun ‘Diccionario comarcal labrego’”.

As clases terán lugar no albergue de Toxosoutos ao longo de 14 semanas, entre os meses de marzo a xuño. O Curso de “Horta Labrega” terá lugar os martes, en horario de mañá ou de tarde (a acordar co alumnado); mentres que o curso de “Saberes e sabores das nosas froitas” celebraranse todos os xoves, de 11:00 a 13:00 horas.

O alumnado de “Horta labrega” aprenderá nocións de botánica, prantación e coidados das diferentes hortalizas, prantas silvestres e plantas medicinais das hortas da comarca. Así mesmo, coñecerán como loitar contra as plagas e as enfermidades na horta, así como a xestionar a auga na prantación. Finalmente, aprenderán a elaborar preparados tanto para a saúda de horta como para a saúde humana coas hortalizas propias.