Desde a Alcaldía téñense enviado xa dúas solicitudes de entrevista co conselleiro de Sanidade para concretar os prazos da nova infraestrutura
O Concello de Carballo segue avanzando na tramitación para a cesión á Xunta de Galicia dos terreos escollidos pola Consellería de Sanidade para a ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun CIS (Centro Integral de Saúde). Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns realizouse a aceptación, por parte do Concello de Carballo, das últimas parcelas obxecto de cesión anticipada pola propiedade: unha de 855 metros cadrados e outra de 251 metros cadrados.
De xeito paralelo, desde o Concello realizáronse os trámites para acometer a urbanización de toda a contorna do centro de saúde. Precisamente hoxe rematou o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas. A actuación permitirá, por unha banda, darlle continuidade á rúa Eduardo Mariño, e enlazar esta coa avenida do Ambulatorio.
As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022. Os terreos polos que descorrerán as futuras vías pertencen ao Concello de Carballo en virtude dun convenio urbanístico de xestión asinado entre esta Administración e o seu anterior propietario que foi aprobado e ratificado o 23 de outubro de 2023 e publicado no DOG núm. 224 de 24 de novembro de 2023. O Concello de Carballo investirá nesta actuación 250.000 euros.
Á vista de que as xestións por parte da Administración local están moi avanzadas, desde a Alcaldía solicitouse o 28 de agosto unha reunión co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e dado que no houbo resposta algunha, a petición volveu ser reiterada este luns, co obxectivo de coñecer de primeira man as previsións da Xunta de Galicia con respecto á construción do CIS.