O Concello de Ribeira informa que ao longo das próximas semanas se desenvolverán os labores de limpeza e mantemento do sistema de rede de sumidoiros do municipio. Estas accións teñen como obxectivo garantir o correcto funcionamento das redes de recollida de augas pluviais ante a chegada da tempada de choivas, minimizando así o risco de inundacións nas vías públicas.
Segundo informa a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, as tarefas inclúen a inspección, limpeza e desobstrución dos sumidoiros e arquetas, comezando polas áreas máis propensas á acumulación de auga. Desta maneira, búscase asegurar que o sistema de drenaxe estea en óptimas condicións para a época do outono e inverno.
O Concello de Ribeira fai un chamamento á cidadanía para que colabore activamente neste plan de prevención. Se algunha veciña ou veciño detecta zonas que requiran unha limpeza ou revisión de sumidoiros, solicítase que o comuniquen canto antes ao concello a través do teléfono do Concello 981 83 54 17. A colaboración veciñal será fundamental para identificar aqueles puntos que poidan pasar desapercibidos e asegurar un traballo completo. O goberno municipal agradece de antemán a cooperación de toda a cidadanía nestes labores preventivos.