Friday 22 de November de 2024

Pechadas as inscricións para a escola de informática para maiores ao superar as sesenta en dous días


O Concello de Carballo pon en marcha as actividades destinadas ás persoas maiores de 60 anos. O domingo comezaron os bailes dos domingos coa actuación de Rocío Pérez, tamén arrincará en breve o programa de exercicio físico en distintas parroquias, o 4 de outubro abrirá o prazo de inscrición para a segunda edición da Universidade Sénior e ademais estamos preparando un programa de actividades que incluirá cursos de memoria e novas tecnoloxías, entre moitas outras. Pero entre as novidades deste ano destaca a escola de informática para maiores promovida polas áreas de Innovación, Terceira Idade e Servizos Sociais.

O curso desenvolverase desde principios de outubro ata finais de maio, todos os martes e os mércores de 10.00 a 12.00 horas, na Aula CeMIT (1º andar do Pazo da Cultura), e será impartido por persoal técnico de Afaber. En principio estaba previsto un único grupo de 20 persoas para os martes, pero, dado que as solicitudes duplicaron esa cifra en só dúas horas, decidimos abrir unha segunda quenda os mércores. Hoxe pechamos as inscricións, xa que en só dous días recibimos máis de sesenta solicitudes. As persoas que non consigan praza quedarán nunha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas, ben voluntarias ou ben de oficio, no caso de ausencias inxustificadas. O curso é gratuíto e esíxese compromiso de asistencia.

O obxectivo desta actividade é achegar ás persoas maiores os coñecementos básicos para desenvolverse no mundo dixital, ao tempo que se traballarán os beneficios da informática para os maiores en aspectos neurolóxicos, emocionais e relacionais. En definitiva, queremos contribuír á mellora da calidade de vida das persoas maiores e do seu desenvolvemento individual e social.

Buscar información en Internet, enviar un correo electrónico, escoitar música, ler o xornal ou facer un trámite coa Administración son algúns dos obxectivos concretos que nos marcamos para este curso, que incluirá, neste sentido, formación básica sobre o manexo do ordenador, a busca e organización da información en Internet, o correo electrónico, os servizos de mensaxería, a realización de trámites coa administración electrónica ou coas entidades bancarias de xeito seguro.