A escola de familias pola educación en igualdade que puxemos en marcha a principios de ano comeza o curso para seguir traballando coas nais e os pais dos nenos/as e adolescentes do noso concello na creación dunha sociedade máis igualitaria, pero tamén máis informada e consciente dos problemas aos que se enfrontan os/as fillos/as nas distintas etapas da vida.
A primeira cita deste ano está programada para este venres 27 de setembro, ás 17.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Falaremos con Yaiza Antelo, psicóloga e coordinadora da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños, que ten a súa sede no edificio do antigo ambulatorio de Carballo. A charla, na que se abordará a adaptación á escola, está aberta a todas as familias interesadas.
Esta iniciativa conxunta das concellarías de Normalización Lingüística e Igualdade vai destinada, principalmente, a pais e nais, pero está aberta ao público en xeral. O obxectivo, como explica a concelleira Ángeles Pacoret, é crear “un espazo cómodo no que as familias teñan a posibilidade de falar con xente profesional e obter información valiosa sobre as distintas problemáticas que poden aparecer hoxe no seo das familias”.
Na próxima actividade, prevista para outubro, abordarase o papel que xogan as familias na prevención, detección e intervención contra o acoso escolar. Explicaranse diferentes conceptos relacionados co bulling e os indicadores aos que se debe de prestar atención para detectar o acoso, ou como actuar cando se detecta.