Friday 22 de November de 2024

Bergondo gaña como escenario para as artes escénicas o claustro de San Salvador grazas á I Mostra de Teatro no Mosteiro, que se celebra o venres e o sábado


O grupo amador Catro Gatos e a compañía profesional Galeatro serán os protagonistas nesta primeira edición nun festival que nace para dinamizar o patrimonio a través da cultura, gañar novos espazos para as artes escénicas e ofrecerlle á comarca unha cita anual co teatro

Esta mostra de teatro, que se celebrará no Mosteiro de San Salvador de Bergondo, únese á ampla actividade que desenvolve na comarca das Mariñas a asociación Catro Gatos, impulsora de iniciativas como ‘Marusía Escénica’ ou ‘Maratón Teatral’

A asociación cultural Catro Gatos, co apoio da Deputación da Coruña e mais do Concello de Bergondo, celebrará este venres e este sábado a primeira edición da Mostra de Teatro no Mosteiro. A iniciativa, que impulsa esta asociación fundada en 2016, nace coa vontade de estreitar os vínculos entre o patrimonio arquitectónico e as artes vivas, dinamizar a través da cultura lugares singulares e achegarlle ao público da comarca un novo punto de encontro co teatro. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Cultura do Concello de Bergondo, Patricia Vázquez, e o actor Tone Martínez, da asociación Catro Gatos.
“A Mostra de Teatro no Mosteiro de Bergondo bota andar cos obxectivos de dinamizar a través da escena o noso patrimonio arquitectónico e faino nunha primeira edición que servirá de experiencia piloto para ir espallando a súa actividade nos vindeiros anos”, sinalou Toné Martínez. Deste xeito, o venres 27 actuará o propio grupo de teatro da Asociación Catro Gatos, que representará Río bravo, e ao día seguinte, o sábado 28, chegaralle a quenda á compañía profesional Galeatro coa súa obra Arte sen guión, unha coprodución xunto ao Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura ao abeiro do ciclo Clásicas Desfeitas.
A entrada para ambas as dúas citas, que están fixadas para as 20.30 h, serán gratuítas e libres até completar as 150 localidades que se habilitarán no claustro do mosteiro de San Salvador. Ademais, tras a función do venres, actuará o grupo folclórico ACD A Meda, para completar a xornada. Xa ao día seguinte, á mesa hora, chegaralle a quenda a Arte sen guión, obra de Galeatro en coprodución co Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura.
Os espectáculos
Coa dirección do actor Tone Martínez, Río Bravo conta cunha banda sonora de cancións breves dos máis variados estilos e compleméntase cun amplo dispositivo de sons incidentais e onomatopeas, configurando unha atmosfera propicia para ensanchar o imaxinario colectivo dun xénero tan icónico como vén sendo o que conforman os filmes de vaqueiros.
Pola súa banda, Arte sen guión é unha especulación improvisada, unha relectura dun tempo deostado e unha comedia que lembra que nin antes eran tan antigos nin agora somos tan modernos. Galeatro, neste espectáculo, investiga e indaga sobre a posibilidade de que un teatro clásico galego do que non existen obras escritas. Partindo do estudo das estruturas narrativas e dramáticas medievais, con ferramentas da improvisación contemporánea, os catro comediantes que protagonizan Arte sen guion propoñen unha nova lectura do patrimonio cultural galego.
A asociación
A Asociación Cultural Catro Gatos naceu en 2016 vencellada ao Centro Público Integrado (CPI) de Cruz do Sar, de Bergondo, onde os intérpretes Tone Martínez e Alba Bermúdez se encargan dende aquela dos obradoiros de teatro para o alumnado. A raíz desta primeira actividade formativa, medrou o interese nas artes escénicas na comunidade educativa. Un interese que se canalizou na constitución deste asociación cultural que mantén o seu propio grupo de teatro amador con integrantes de idades que van dende os 26 aos 65 anos. A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.
Ben de Interese Cultural
O festival terá o seu epicentro no claustro do Mosteiro de San Salvador, un dos exemplos máis salientables da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. O ano da súa fundación é incerto, aínda que se sitúa como moi tarde no século XI ao constar referencias documentais de 1138. Pertenceu á orde beneditina e tivo unha época de esplendor entre os séculos XII e XIV, acadando grande influencia na contorna betanceira.
O conxunto arquitectónico que agora Catro Gatos gaña agora como espazo de dinamización escénica padeceu diferentes vicisitudes até chegar aos nosos días, así como distintas intervencións. En 1338 sufriu un incendio, tralo que se practicou unha reforma con achegas góticas, a partir do século XVII entrou en decadencia rozando o case total abandono no século XIX e un raio destruíu en 1959 a súa fachada occidental. En 1973 foi declarado Monumento Histórico-Artístico, antecedente do actual estatus de Ben de Interese Cultural e principiou a súa recuperación.