As temáticas centraranse na explicación da técnica da marcha nórdica, o benestar emocional e os coidados para mulleres na menopausia.
O Concello organiza a segunda edición das Xornadas de Promoción da Saúde co obxectivo de transmitir á poboación coñecementos prácticos en diversas materias que poidan aplicar no día a día para cambiar hábitos por outros máis beneficiosos que incrementen o seu benestar físico e mental.
O programa consta de tres ponencias a cargo de profesionais de sectores relacionados coa saúde e a educación social. Levaranse a cabo ao longo do mes de outubro, sempre na Casa da Cultura da Laracha e con inicio ás 19:00 horas.
A primeira celebrarase o mércores 9 baixo o título Marcha nórdica: algo máis que camiñar con bastóns. Regina Basandre, médica de Familia e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, explicará a técnica e os beneficios para a saúde desa modalidade de exercicio ao aire libre consistente en camiñar coa axuda e impulso de bastóns, reducindo así o impacto nas articulacións e axudando a fortalecer a parte superior do corpo.
O mércores 16 será a quenda para O benestar integral a cargo dunha traballadora social da Rede Galega de Promoción da Saúde e da educadora social coordinadora dos centros Quérote+ da Xunta de Galicia. Entre as temáticas a tratar están a presentación da nova plataforma Sanidade Mediaverso, ferramenta tecnolóxica posta en marcha pola Consellería de Sanidade que conta con recursos dixitais, aplicacións, xogos e programas de realidade virtual aumentada dirixidos a achegar solucións para acadar un estado de saúde óptimo. Tamén se traballarán o benestar emocional e técnicas para reforzar a autoestima persoal.
Por último, o mércores 23 a matrona do centro de saúde da Laracha ofrecerá a xornada Aprendemos a coidarnos na menopausia, na que abordará como deben ser os coidados nesa etapa da vida das mulleres, os beneficios da realización de exercicios específicos, a prevención de enfermidades máis presentes xa desde a perimenopausia e a importancia dos coidados afectivo-sexuais.
A asistencia ás xornadas é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. Colabora co Concello na organización desta iniciativa municipal a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.