O concelleiro Iago Lestegás co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano G. Alfaya, e o presidente da Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Ángel Cid Carballo
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, asinou co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano G. Alfaya, e o presidente da Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Ángel Cid Carballo, o “Convenio de Colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a convocatoria dun concurso de anteproxectos para a transformación do conector central da cidade en Santiago de Compostela”.
O convenio de colaboración foi aprobado este luns 23 de setembro na Xunta de Goberno local, que deu luz verde para a sinatura entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. O COAG encargarase de difundir o concurso de ideas cando se convoque.
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia é unha organización que busca pór de manifesto o interese público da arquitectura fortalecendo o exercicio profesional e está comprometida coa calidade de vida e cun desenvolvemento sostíble. Tal finalidade concorda coa que o concello persegue con esta actuación e constitúe precisamente o obxecto do convenio.
Asemade, o COAG é unha organización xeradora de coñecemento, que impulsa a innovación e realiza a súa actividade baixo criterios de participación, transparencia e independencia.
O convenio permite ao Concello contar, no desenvolvemento das súas decisións, coa colaboración e aporte de coñecemento do COAG. Pola súa banda, o Colexio de Arquitectos colabora na definición dos criterios técnicos para a selección das propostas na primeira e segunda fase do concurso de ideas, e velará polos dereitos e deberes dos e das concursantes, difundindo a convocatoria do concurso, facilitando o acceso á documentación e formando parte do xurado en exercicio das súas competencias.
Fases do concurso
O concurso de ideas aspira a alcanzar o maior número de propostas e pretende avanzar cara a un novo modelo urbano que mellore a calidade de vida da xente. Divídese en dúas fases.
Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta de actuación. O resultado desta primeira fase será a selección de cinco equipos que desenvolverán a proposta a nivel de anteproxecto na segunda fase do concurso.