Friday 22 de November de 2024

O modelo urbano de Oleiros, un dos eixos do XI Congreso da Rede de Cidades que Camiñan


O urbanismo humanista de Oleiros será, xunto con destacadas actuacións das cidades de Pamplona e Barcelona, un dos eixes do XI Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que forman concellos e deputacións de todo o Estado español. O encontro vaise celebrar en Pamplona esta semana, entre os días 26 e 28 de setembro.

O concelleiro Mobilidade, Comunicación e Novas Tecnoloxías, Pablo Cibeira, explicará a política do Goberno de Oleiros para acadar ao longo de 45 anos grandes espazos de convivencia; primando o público, o medio ambiente e as persoas no desenvolvemento urbano. Xunto co Concello de Oleiros tamén participará o Ajuntament de Barcelona, co ex arquitecto xefe Xavier Matilla, e a cidade de Pamplona, co concelleiro Borja Izaguirre.

A Rede de Cidades que Camiñan, da que forma parte o Concello de Oleiros desde hai anos, é unha destacada entidade estatal na que participan distintas administracións públicas comprometidas coa conquista de espazos públicos para a cidadanía. A integración nesta Rede implica un compromiso coa mellora do espazo público como lugar para camiñar, estar e socializar, abordando proxectos para fomentar la camiñabilidade e, en relación con esta, a mobilidade sostible, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, e a calidade do medio ambiente urbano e a autonomía infantil.