Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Oleiros participa na organización dos premios Youtubeiras+


Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.

Youtubeiras é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

Hoxe abre o prazo de inscrición para a VIII edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK

Os premios, cuxas bases xa están publicadas en www.youtubeiras.gal, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público.

O prazo de inscrición está aberto até ás 23.59 horas do 15 de novembro.

Na rolda de prensa celebrada hoxe na Reitoría da Universidade da Coruña a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, MªJosé Santos Zas, declarou que “sumarnos a unha iniciativa como Youtubeiras+ amosa o noso compromiso tanto co galego como coas persoas que están a crear contidos no noso idioma, xente maioritariamente nova que está a abrir novos camiños para a lingua, pero tamén para a creación artística, para a divulgación e para o tratamento dunha gran variedade de temáticas”, ademais de resaltar o aumento da participación nestes premios.