Friday 22 de November de 2024

A Aula de Idiomas de Brión convoca un curso de alemán para rapaces e organiza conversas en inglés arredor dun café


A Aula de Idiomas do Concello de Brión ten programadas dúas novas actividades formativas: un curso de alemán para rapaces e rapazas de 12 a 16 anos, de catro meses de duración, e “Conversas arredor dun café”, unha hora tomando un café falando en inglés de diferentes temas. As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura ou no teléfono 981 509 908.

As “Conversas arredor dun café” serán unha actividade complementaria ás clases de inglés, pero estarán abertas a todos os veciños e veciñas, independentemente de que estean anotados na Aula de Idiomas do Concello de Brión. Serán grupos dun mínimo de 6 persoas que se sentarán a falar en inglés mentres disfrutan dun café os luns e mércores na cafetería do centro social polivalente, en horario de mañá (11:00 a 12:00 horas) ou de tarde (19:00 a 20:00 horas). O prezo será de 5 euros por día e a matrícula estará aberta de xeito permanente, de forma que os participantes poderanse anotar os días que queiran e á hora que desexen. As inscricións realizaranse ata 2 días antes de cada xornada na Casa da Cultura.

O curso de alemán terá lugar os luns e xoves, de 19:00 a 20:00 horas, no centro social polivalente do 3 de marzo ao 30 de xuño. O prezo de inscrición é de 120 euros, que se poden aboar en dous prazos: marzo e maio. As anotacións poden realizarse ata o vindeiro 22 de febreiro na Casa da Cultura e para a realización do curso será preciso que haxa un mínimo de oito inscritos.