As obras xa comezaron na pista que vai dende a Cooperativa de Pazos ata Rebordáns.
O Concello de Ponteceso continúa traballando no desenvolvemento e mellora das infraestruturas municipais. Xa está en marcha a execución das obras de mellora da pista dende a Cooperativa de Pazos ata Rebordáns, no marco da mellora dos camiños municipais na parroquia de Pazos do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2024/2025, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
A obra, que supón un orzamento total de 71.621,48 euros. O proxecto inclúe unha importante mellora nas vías de acceso ás parcelas agrícolas desta parroquia, con intervencións destinadas a optimizar as condicións de tránsito e a seguridade das persoas usuarias. A intervención, que conta cun prazo de execución de dous meses, pretende mellorar significativamente as condicións das vías rurais da zona, facilitando o acceso aos terreos agrícolas e, consecuentemente, apoiando o desenvolvemento económico do ámbito rural do municipio.
“Estas actuacións son fundamentais para a nosa comunidade rural, especialmente nun concello como Ponteceso, onde o sector agrícola ten unha gran relevancia. A mellora dos camiños en Pazos permitirá un acceso máis doado e seguro ás parcelas agrícolas, o que repercutirá positivamente na produtividade dos nosos veciños e veciñas que se adican á agricultura. Seguimos apostando por un rural de calidade, onde as infraestruturas sexan un apoio fundamental para o seu desenvolvemento”, afirma o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato.
O investimento para esta actuación está subvencionado en parte por AGADER, que achega un total de 62.065 euros, mentres que o Concello comprometeuse a financiar o IVE da obra, que ascende a 12.430,17 euros.
O proxecto enmárcase nunha estratexia máis ampla do goberno municipal para mellorar as infraestruturas rurais de Ponteceso. O alcalde Mato engadiu que “non só estamos mellorando o acceso ás parcelas, senón tamén apostando polo futuro do noso rural. Estas obras son parte dunha estratexia a longo prazo para mellorar as condicións de vida e de traballo no noso concello, co obxectivo de fixar poboación e potenciar o sector primario”.
Con esta actuación, o Concello de Ponteceso reafirma o seu compromiso co mantemento e mellora das infraestruturas rurais, fundamentais para o desenvolvemento económico e social das parroquias do municipio.