Friday 22 de November de 2024

Comezan os traballos para acometer a humanización parcial da rúa Agra do Orzán, que permitirá mellorar a accesibilidade e gañar espazos peonís no barrio


O Concello destina máis de 140.000 euros á intervención, que se levará a cabo no treito comprendido entre as rúas Meira, Entrepenas e Pascual Veiga

O Concello puxo en marcha hoxe as obras para humanizar a rúa Agra do Orzán no treito comprendido entre as rúas Meira, Entrepenas e Pascual Veiga, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca avanzar no seu plan de revitalización urbanística dos barrios da cidade, dando resposta a unha solicitude das e dos veciños da Agra que foi aprobada nos Orzamentos Participativos.

A intervención, que comezou este martes coas primeiras actuacións previstas entre as rúas Meira e Pascual Veiga, lévase a cabo co obxectivo de mellorar a calidade urbana da rúa potenciando o seu carácter comercial. O treito que se humanizará na rúa Agra do Orzán estará configurado como plataforma única. Gañaranse espazos peonís nas beirarrúas, mellorando a accesibilidade, e manteranse tamén os espazos destinados ao estacionamento de vehículos. Isto será posible polo ancho actual da calzada, suficiente para acometer a remodelación prevista.

No referente á circulación rodada, o carril central será de 3,5 metros de ancho. A ambas as marxes da calzada haberá unha liña de estacionamento, de 2 metros de ancho. No referente ás beirarrúas está previsto que pasen a ser, como mínimo, de 1,8 metros de ancho.

Máis árbores para reverdecer os percorridos peonís

A ampliación dos espazos peonís na rúa Agra do Orzán tamén facilitará a presenza de máis árbores ao longo da beirarrúa, en ambas as marxes, árbores que se sumarán aos exemplares xa existentes. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou hoxe que as novas árbores “se ubicarán preferentemente, nas esquinas e cruzamentos, alí onde, polo ancho da beirarrúa, é factible plantalos”.

Os traballos teñen un prazo de execución de catro meses. O Concello leva a cabo un investimento
de 147.549 euros na intervención.