Friday 22 de November de 2024

O Concello destinará case medio millón de euros a completar o plan de renovación do sistema de climatización e o illamento da Fundación Luís Seoane


A licitación da segunda fase da intervención, fundamental para que o sistema funcione correctamente, aprobarase proximamente na Xunta de Goberno Local. Así, o Goberno de Inés Rey dálle resposta ás necesidades da Fundación

O Concello avanza no plan de renovación do sistema de climatización e illamento da Fundación Luís Seoane, onde xa se executou anteriormente unha primeira parte da intervención e, agora, acometerase a segunda fase. O inmoble padece problemas de filtracións desde hai máis dunha década que o Goberno local busca solventar de xeito definitivo con esta segunda fase do plan de obras.

Neste sentido, o Goberno municipal ten previsto aprobar proximamente en Xunta de Goberno Local a saída a concurso das obras de reparación, reposición da climatización e illamento do edificio, unha medida necesaria para arranxar as deficiencias detectadas no sistema, cuxos componentes se remontan ao ano 2002 e, ao estar situados no exterior da Fundación, ao aire libre, foron experimentando unha deterioración paulatina co paso do tempo.

A posta en marcha desta segunda fase de renovación do sistema de climatización é clave para o correcto funcionamento do mesmo. Por iso, as demais unidades de tratamento de aire existentes na cuberta substituiranse e, ao igual que na primeira fase da intervención, renovaranse a impermeabilización e illamentos térmicos e actuarase para mellorar os pechamentos nas zonas onde están localizados os equipamentos de climatización, para evitar posibles filtracións.
Tamén se dará solución a un dos principais problemas da rede hidráulica da Fundación. As actuais tuberías metálicas renovaranse e instalaranse outras novas, de materiais plásticos, máis resistentes ás condicións ambientais ás que está exposto o edificio e os seus sistemas.

O Goberno de Inés Rey tiña marcada esta intervención como unha das prioridades para os primeiros compases deste mandato, atendendo ás necesidades da Fundación e co obxectivo de protexer preservar o seu valioso legado. A Luís Seoane custodia o arquivo epistolar e documental do artista, doado pola súa viúva, María Elvira Fernández López (coñecida como Maruxa Seoane), ademais de 200 cadros ao óleo, toda a obra gráfica editada por Seoane e máis dun milleiro de bosquexos e primeiras edicións.

Máis dun millón de euros de investimento para o novo sistema de climatización

O investimento previsto nesta segunda fase da renovación do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane é de 445.954 euros, importe que se sumará aos case 800.000 euros que se destinaron á primeira parte da intervención, executada en anos anteriores.
Desta forma, o Concello completará a actuación cun investimento total de máis dun millón de euros.