Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño creará unha bolsa de emprego para o posto de técnico deportivo


O proceso selectivo implica un contrato temporal con carácter inmediato para substituír ao titular da praza

As solicitudes poden presentarse ata o xoves

O Concello de San Sadurniño publicou no portal de transparencia e no BOP do pasado 12 de setembro a convocatoria do proceso selectivo mediante concurso para cubrir temporalmente o posto de técnico deportivo. Unha convocatoria coa que, ademais, tamén se creará unha bolsa á que poder recorrer no caso de baixas ou permisos da persoa titular da praza. Para participar no proceso, sempre que se cumpran os requisitos, pode presentarse a solicitude canda a documentación requirida (así como o resgardo do pagamento dos dereitos) ata este xoves 26 de setembro.

Os requisitos xerais son os comúns a calquera convocatoria de emprego público, como o de ter feitos os 16 anos, ter a nacionalidade española ou de estados membros da UE, posuír a capacidade funcional para o desempeño do traballo ou que non haxa impedimentos legais para traballar nunha Administración por sancións resultado de expedientes disciplinarios ou outras circunstancias similares.

Porén, neste caso tamén se pide titulación específica como técnico medio en condución de actividades físico-deportivas no medio natural, ou titulación superior relacionada coas actividades físicas e deportivas. Deberase estar xa en posesión de calquera destas dúas acreditacións ou estar en condicións de obtelas na data en que finalice o prazo de presentación de instancias.

Tamén se deberá acreditar o coñecemento do galego co CELGA 4 ou equivalente. No caso de non contar con esta certificación, haberá que superar unha proba que non puntuará, pero que cualificará á persoa aspirante como apta ou non apta para o posto.

O proceso levarase a cabo mediante concurso, é dicir, valorando a formación e a experiencia da persoa aspirante. En total poderán obterse un máximo de 50 puntos, repartidos da seguinte maneira: ata 20 por cursos homologados ou por ter unha titulación distinta da esixida como requisito e outros 30 pola experiencia laboral acreditada, sexa en Administracións públicas (0,20 puntos por mes completo traballado ou fracción superior a 20 días) ou en empresas privadas (0,15 puntos/mes ou fracción de máis de 20 días).

A persoa que acade a maior puntuación será proposta para contratación inmediata como substituta con carácter temporal do técnico deportivo titular da praza. Ademais, seguindo a orde da baremación das e dos aspirantes, o Concello tamén elaborará unha lista á que se recorrerá no caso de incapacidades, permisos de paternidade ou maternidade.

As bases poden consultarse no BOP do pasado 12 de setembro, no apartado de Transparencia da Sede Electrónica ou na ligazón que hai algo máis abaixo. A solicitude, acompañada doutra documentación requirida -entre ela o resgardo de pagamento dos 18,46€ da taxa de exame- hai que presentala como moi tarde este 26 de setembro.

Modelo solicitude (.odt) – Até o 26 de setembro
Bases do proceso selectivo

San Sadurniño busca persoas voluntarias para retirar lixo nun tramo do Xubia durante a limpeza simultánea de ríos organizada este domingo por ADEGA

O Concello de San Sadurniño volve apoiar a xornada de limpeza simultánea de ríos organizada por ADEGA, que sempre se desenvolve en distintos puntos de Galicia o derradeiro domingo de setembro. Así, este 29 levarase a cabo a retirada de lixo no tramo urbano do Xubia. O punto de encontro é a explanada do Mesón A Granxa (10:00h) e para participar nesta actividade de coidado e concienciación ambiental fai falla inscrición previa a través deste formulario en liña publicado en Google Forms. Tamén se pode chamar ao 695 876 068. En ambos casos a data límite para anotarse é o xoves antes das 12:00h.

O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. O Proxecto Ríos impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA pretende precisamente iso, facer labores de conservación en varios cauces e, ao tempo, concienciar sobre o ciclo da auga e o ambiente.

Esta iniciativa arrancou en 2007 e desde aquela desenvólvese sempre o último domingo de setembro -neste caso o 29 de setembro- e de maneira simultánea en distintos puntos do territorio galego. A presente edición abranguerá ríos de 56 concellos das catro provincias e hai confirmada a participación de 70 entidades, entre áreas municipais, asociacións veciñais e outros colectivos.

San Sadurniño é un dos habituais na cita desde os seus comezos e nesta edición volverase repasar un tramo do Xubia ao seu paso polo noso concello. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- comezará ás 10:00h na explanada do Mesón a Granxa e continuará río abaixo por ambas beiras ata a presa do Muíño de Mera (o Muíño do Pepe), facendo un descanso para repoñer forzas a iso das 11:30h.

Aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove- e botas de goma de cana alta. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial. Na web do proxecto podemos atopar moitos consellos de utilidade: dividir a limpeza por zonas e en grupos, separar por tipos o lixo recollido e, sobre todo, atender á seguridade.

A área municipal de Axenda 2030 conducirá toda a actividade e irá dando sobre a marcha estas e outras recomendacións, ademais de mobilizar o furgón municipal para cargar o lixo que se retire e de proporcionaralles luvas ás persoas participantes. O Concello tamén se ocupará de que haxa augas e bocadillos para o descanso de media mañá e uns petiscos para pechar a xornada de limpeza a iso das 14:00h.

Para sumarse a esta XVII Limpeza simultánea “Móllate polos ríos” é necesario apuntarse antes das 12:00h deste xoves no formulario en liña publicado en Google Forms ou chamando ao móbil 695 876 068 do Axente de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín. Desde o Concello recoméndase participar na actividade en familia por tres razóns principais: polo seu cometido educativo e de sensibilización, por tratarse dunha proposta ao aire libre e nun espazo de alto valor ambiental e porque a zona que se percorrerá tamén é un dos lugares máis fermosos de San Sadurniño.

Augas de Galicia retirará maleza do cauce nas próximas semanas
A convocatoria dunha nova edición da xornada de limpeza simultánea de ríos coincide no tempo coa comunicación trasladada ao Concello por Augas de Galicia sobre os labores que vai acometer no cauce do Xubia durante as próximas semanas, encadrados no mantemento do dominio público hidráulico.

E é que o organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente xa iniciou uns traballos que abranguerán 14 quilómetros de río e que se desenvolverán en dúas fases: a primeira no leito compartido por Moeche e San Sadurniño e a segunda no curso baixo do río que discorre polos concellos de Narón e Neda.

No caso de San Sadurniño os labores efectuaranse no tramo da parroquia de Lamas e, igual que nos outros puntos onde se vai actuar, o traballo consistirá na retirada de biomasa e árbores caídas “posibilitando así a circulación fluída das súas augas”, informa Augas de Galicia. O ente autónomo calcula que a intervención se prolongará durante 14 semanas.