Fene acollerá este venres e o sábado dous dos espectáculos do Festival Internacional de Entes Animados 2024 que se está a desenvolver en 8 concellos da bisbarra (Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Narón, Miño, Neda e Valdoviño) ao longo da segunda quincena do mes de setembro. A primeira función, o venres 27, será ás 20 horas no local da SCRD Agarimo de Sillobre e terá como protagonista á compañía Caricata Teatro co espectáculo “A Tourada”. O sábado 28, o certame trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre, tamén ás 20.00 horas, coa función “My Shadow and Me”, da compañía Drew Colby, Shadowgrapher. Ámbalas dúas sesións serán con entrada libre e de balde até completar o aforo.
“ A Tourada”, o espectáculo que se representa este venres (20.00 horas) na ACRD Agarimo de Sillobre, está inspirado na tradición das marionetas portuguesas. De xeito divertido e participativo, un touro rebelde enfrontará aos toureiros entre golpes e gargalladas de pequenos e grandes. Caricata Teatro son David Fariza e Sandrine Costa. A compañía fundouse no ano 2022 e desde aquela traballa o teatro con marionetas enfocándose cara un público familiar desde unha perspectiva actual e moderna (sen perder o respecto polas raices culturais e polas tradicións populares da Península Ibérica).
O sábado 28, o Festival Internacional de Entes Animados trasladarase ao local da AVV Santa Eulalia de Limodre (20.00 horas), coa función de “My Shadow and Me, a cargo da compañía Drew Colby, Shadowgrapher. Trátase dun “espectáculo divertido e atractivo para público infantil e familiar feito de sombras e luz reflectida”. Nel, “unha persoa e a súa sombra emprenden unha incrible, imaxinativa, e sombría viaxe na que as criaturas emerxen, se comprometen e se transforman de xeito fermoso”. O espectáculo está inspirado na idea das sombras e a nosa relación con elas, a partir do poema “My shadow” de Robert Louis Stevenson.