O Concello de Neda vén de adxudicar por 48.150 euros as obras de pavimentación da pista entre Forxá e Castiñeiro. A actuación, ademais de reforzar a seguridade viaria, permitirá mellorar outras instalacións de servizos urbanísticos da zona.
O proxecto, adxudicado pola Xunta de goberno local a pasada semana, non se reducirá ao bacheo nos puntos nos que o firme está máis deteriorado e o aglomerado en quente de todo o camiño. As obras, que executará a firma Canarga SL, contemplan tamén a instalación de canaletas transversais para a recollida de pluviais e a substitución dun tramo de condución destas augas.
A posta a punto da pista de preto de algo máis de medio quilómetro de lonxitude, entre o lugar de Castiñeiro e a intersección coa rúa Fausto Cansado, completarase cos traballos de sinalización horizontal da vía.
A actuación está financiada con cargo ao POS + 2024 da Deputación da Coruña e busca contribuír a optimizar a seguridade tanto para os condutores como dos peóns que, a diario, utilizan esta pista.