Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Comunidade de Propietarios de Pocomaco rubrican o acordo que permitirá regularizar a situación do polígono tras máis de medio século


A alcaldesa, Inés Rey e a presidentda dos empresarios, Lucía Lopez, asinaron hoxe o acordo mediante o cal o Concello asumirá o mantemento e mellora dos espazos públicos tralas cesións dos mesmos por parte do polígono

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a presidenta da xunta reitora da Comunidade de Propietarios do Polígono de Pocomaco, Lucía López, asinaron hoxe en María Pita o convenio que permitirá regularizar a situación do polígono máis de medio século despois da súa construción.

O acordo referenda así un asunto que xa foi aprobado anteriormente no Pleno municipal co obxectivo de culminar o procedemento legal de cesión de espazos viarios, zonas verdes e espazos públicos do polígono, que desde as súas orixes tivo titularidade privada.
Isto suporá, na práctica, que o Concello asumirá o mantemento e mellora destes espazos do polígono e, a futuro, poderá executar investimentos públicos que axuden a modernizar Pocomaco, tanto en termos de infraestruturas como no referente á mobilidade e o transporte. Ademais, ao se subscribir o convenio, o Concello pasará a asumir as tarefas de limpeza viaria e recollida do lixo nos viarios do polígono.

Ademais, Rey lembrou este luns que no último Pleno municipal deuse luz verde á addenda que estipula os prazos e compromisos orzamentarios do Concello e a Comunidade de Propietarios do Polígono de Pocomaco para levar a cabo melloras no polígono. Esta addenda remarca, entre outros aspectos, que a Comunidade terá catro anos para executar obras que garantan melloras nos accesos peonís e tamén na rede de iluminación de Pocomaco.
Ademais, están previstas a regularización do sistema de reixas salvacunetas e melloras na rede de saneamento de Pocomaco. Estas actuacións suporán, previsiblemente, un investimento de 1,9 millóns, e o Concello contribuirá á súa financiación achegando un millón de euros —a metade do orzamento previsto—, entre os anos 2026 e 2027.

“Damos un paso fundamental na inclusión de Pocomaco na paisaxe urbana da cidade”, valorou hoxe Inés Rey, que destacou os pasos que xa se están a dar para mellorar as conexións co polígono en localizacións estratéxicas como, por exemplo, a contorna das Rañas, onde se está a construír unha nova rotonda a medio camiño entre a área comercial de Agrela e o polígono de Pocomaco. A glorieta estará localizada na estrada que conecta O Martinete e Monte Patelo baixo a AC-14, un percorrido habitual no tránsito diario de vehículos pesados e furgóns de mercadorías.

Pola súa banda, Lucía Lopez indicou que “se inicia así o proceso e, durante catro anos, sempre e cando os propietarios o aproben en asemblea xeral, cumprir o pactado co Concello e executar as obras que se nos solicitaron no poligono para que o Concello o recepcione correctamente”.

O proxecto de obra estará a exposición pública durante 30 días, a expensas de posibles alegacións, e será posteriormente cando a Comunidade de Propietarios do Polígono de Pocomaco convocará a asemblea xeral.