Friday 22 de November de 2024

A Policía Local de Ribeira lanza unha campaña especial de calmado de tráfico durante os próximos 15 días


A Policía Local de Ribeira vai emprender unha campaña especial de calmado de tráfico co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nas contornas escolares e naquelas zonas onde se detectaron reiterados excesos de velocidade.
A campaña, que se desenvolverá dende o 24 de setembro, implicará a realización de controis de velocidade en áreas de especial protección onde se observou un maior risco tales como zonas próximas a centros educativos e outros puntos da cidade que presentan un alto índice de infraccións por exceso de velocidade.
O obxectivo principal desta iniciativa é triplo: salvar vidas, evitar atropelos e reducir o risco de accidentes para protexer tanto aos peóns como aos condutores. Para iso, a Policía Local empregará dispositivos de control para detectar os incumprimentos dos límites establecidos.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, informou que esta campaña ponse en marcha logo de escoitar as Anpas e a comunidade escolar e tamén á veciñanza dalgunhas parroquias que pedía calmar o tráfico. “Focalizaremos a campaña nas zonas do municipio onde existen excesos de velocidade continuos no tempo e nas zonas de colexios e institutos para reforzar a seguridade da rapazada no seu traxecto cara as escolas para que sexan camiños seguros”.
Desde o Concello de Ribeira faise un chamamento á colaboración cidadá, lembrando a importancia de respectar as normas de circulación, especialmente nas zonas sinalizadas e de alta concorrencia. A seguridade viaria é responsabilidade colectiva, e esta campaña busca xerar unha maior concienciación entre condutores/as para evitar comportamentos perigosos.
A Policía Local continuará traballando para garantir a seguridade nas nosas rúas e manterase alerta na vixilancia das zonas máis sensibles durante todo o período desta campaña.