Friday 22 de November de 2024

O Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene retoma a súa actividade en outubro


Neste luns 23 de setembro abre o prazo para as persoas que desexen apuntarse ao Club de Lectura que organiza a Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene, dirixido a público adulto. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas. Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club, deberán ler ao mesmo tempo as mesmas obras, de xeito individual. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro do club, previamente inscrito, que, no caso da sesión prevista para o mes de outubro, será “Senlleiras”, de Antía Yáñez.

O Club de Lectura da Biblioteca de Fene terá carácter mensual, realizándose as xuntanzas un mércores ó mes, de outubro a maio de 2025, en horario de tarde, de 18.00 a 19.30 horas. O primeiro encontro será o mércores 30 de outubro, propoñéndose para cada sesión algún libro de temática e xéneros variados (novela romántica, thriller, novela da vida cotiá…), tanto en galego como en castelán.

A respecto da dinámica de funcionamento do Club de Lectura, cómpre ter en conta que o número de prazas é limitado, adxudicándose por orden de inscrición. Ademais, farase unha lista de agarda para que, no caso de que se produza algunha baixa, pase a formar parte do Club de Lectura a persoa que ocupe o primeiro posto (ou sucesivos) na listaxe. Por último, lembran dende a biblioteca, no caso de que algunha persoa participante acumule dúas faltas sen xustificar, perderá a súa praza, que pasará a ser ocupada pola seguinte na lista de agarda.