– O piloto vasco, xunto ao seu copiloto Lukas Sergnese foron os primeiros clasificados, seguidos por Guido Guerrini con Artur Prozak e José Manuel Pérez Aicart e Javier Herrera Alejos.
– Nas probas puntuables para o CEEA venceron tamén Conde e Sergnese, en eléctricos, Francisco Javier Hernández e Raquel Cecilia Jimena, en híbridos enchufables, e Jesús Alberto Arronte e Óscar Lasarte, en híbridos.
O Eco Rallye A Coruña debutou nesta a súa oitava edición como proba mundialista co triunfo do piloto de Basauri, de orixes galegas, Eneko Conde e o seu copiloto, Lukas Sergnese, a bordo dun KIA EV6 GT, seguidos por Guido Guerrini e Artur Prozak, a mandos dun Kia e-Niro, e José Manuel Pérez Aicart e Javier Herrera Alejos, cun Hyundai Kona.
No referente ás puntuacións do Campionato de España de Enerxías Alternativas, na categoría de vehículos eléctricos a dupla vencedora foi tamén a de Eneko Conde e Lukas Sergnese, a bordo da súa Kia EV6GT; o segundo posto foi para José Manuel Pérez e Javier Herrera, aos mandos dun Hyundai Kona; e o terceiro lugar corresponde a Carlos Sergnese e Joseba Rodríguez, que durante a fin de semana tomaron os mandos dun Toyota bz4x 200E 4×2 Style Plus.
Na categoría de híbridos enchufables a vitoria foi para Francisco Javier Hernández e Raquel Cecilia Jimena, que conducían un Seat León; o segundo posto obtivérono Ángel Santos e Mario Osma, aos mandos dun Toyota Rav4 de Kobe Motor; mentres que o terceiro lugar correspóndelle a Pedro Telmo e Rubén González, subidos a bordo dun Toyota CHR.
Por último, na categoría de híbridos, o primeiro chanzo do podio ocupárono Jesús Alberto Arronte e Óscar Lasarte; o segundo posto foi para José M. Pizarro e Daniel Pizaro; e o terceiro posto no caixón foi para Julián Pecero e Manuel Adoitar. Neste caso, todos os pilotos desta categoría conducían un Toyota Yaris.
No acto de entrega de cerimonia de premios, celebrado esta mañá na praza de María Pita participaron por parte da Escuadra A Coruña, Alberto González, xunto a Alberto González Olañeta acompañados polo concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Manuel Vázquez e o deputado provincial Antonio Leira.
A cita congregou a máis de 50 pilotos, atraendo a multitude de seguidores e interesados que se achegaban tanto ata o parque de estacionamento situado na praza de María Pita como aos distintos puntos de reagrupamiento en Betanzos, Carballo e Santiago de Compostela.
O debut do Eco Rally A Coruña como proba puntuable para o Campionato Bridgestone FIA Eco Rally Cup foi ademais a máis extensa ata o momento, pasando os coches polos municipios da Coruña, Abegondo, Bergondo, Oleiros, Betanzos, Oza-Cesuras, Cambre, Mesía, Frades, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela, Ames, Val do Dubra, Trazo, Tordoia, Cerceda, Laracha, Arteixo, Sada, Miño, Pontedeume, Paderne, Vilarmaior, Irixoa, Aranga, Coirós, Carral, Culleredo, Carballo e Coristanco.
Desde a organización celebran, “o éxito de participación e de expectación tanto na cidade como no resto da provincia, especialmente nun ano no que por fin podemos presumir de ser proba mundialista”.