Esta medida, impulsada cun investimento de máis de 440.000 euros, finánciase con cargo ao POS do 2024
O Concello sacará a licitación os traballos de construción da segunda fase da nova rede de saneamento do Barrio das Flores, unha intervención promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de mellorar, ampliar e renovar o circuíto de augas residuais e pluviais da contorna.
Anteriormente, a rede de saneamento do barrio estaba estructurada entre dous colectores principais, de funcionamento unitario, nas caras noroeste e sureste da rolda Camilo José Cela. Estes dous colectores recollían as augas correspondentes a cada unha das vertentes nas que se divide o barrio, a partir da divisoria marcada polo poliduto. Para facer máis eficiente a rede de recollida de augas na conca do Barrio das Flores, o Concello optou por remodelala e ampliala, o que tamén permitirá aliviar a galería de saneamento que atravesa Alfonso Molina.
O pasado mes de marzo o Concello rematou á primeira fase de actuación, centrada na vertente noreste do Barrio das Flores. As obras remataron coas últimas melloras previstas entre a avenida Salvador de Madariaga e a parte baixa da rolda Camilo José Cela, onde se creou unha nova rede de saneamento separativa que cruza cara á camara de tranquilización situada baixo o campo de fútbol Víctor Fernández Alonso. Dita actuación supuxo un investimento de 220.000 euros. Agora, con cargo ao POS do 2024, o Concello saca a licitación a segunda fase da rede separativa na rolda Camilo José Cela, cun prezo de licitación de 441.000 euros. A actuación levarase a cabo nun treito de 470 metros que, desde o sector superior de Camilo José Cela, irá baixo o carril de subida da mesma ata chegar ao pozo onde se completou a primeira fase, no cruzamento con Salvador de Madariaga Cómpre lembrar que a renovación da rede tamén supón un aforro económico para as arcas municipais e, en extensión, un aforro enerxético para a EDAR Bens, ao separar en orixe o circuíto de augas.