— A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego participou hoxe no broche final en Porto desta cita transfronteiriza poñendo de relevo a aposta do Goberno galego polas microformacións para o emprego, na liña do que defende a UE
— Na xornada de hoxe tamén houbo oco para abordar a ferramenta EMi de intelixencia artificial que se está aplicar nas 54 oficinas de emprego galegas co gallo de casar oferta e demanda en tempo real
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura do 24º congreso internacional Norte de Portugal/Galicia sobre esta materia. Alí, destacou a aposta da Xunta polas microformacións orientadas ás necesidades das empresas -na liña das microcredenciais que impulsan a Unión Europea- para capacitar ás persoas traballadoras ao tempo que se contribúe a cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.
Na estratexia do Goberno galego nesa dirección, segundo especificou, atópanse accións concretas de relevancia como o Programa Retorna Cualifica Emprego concibido para que os galegos no exterior poidan establecerse de volta na nosa terra. Un plan que contempla formación para o emprego que se lles proporciona co obxecto de que encaixen nos traballos de calidade ofertados en orixe da man das empresas.
Así mesmo, cabe salientar os convenios de arraigamento para a formación, pensados para regularizar a situación das persoas inmigrantes a través de microformacións específicas que garanten a súa idoneidade de cara ás ofertas laborais existentes.
Lado tamén fixo referencia á colaboración da Xunta coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para o desenvolvemento da actividade de coordinación do servizo de emprego Eures Transfronteirizo, co gallo de facilitar a mobilidade dos traballadores entre as zonas dos dous lados da raia e responder ás necesidades de información nesta materia, tanto a persoas traballadoras como a empresarias.
A ferramenta EMi
Na xornada de hoxe tamén houbo oco para abordar a ferramenta EMi de intelixencia artificial que se está aplicar nas 54 oficinas de emprego galegas co gallo de casar oferta e demanda en tempo real e de atender as persoas que están buscando activamente traballo ou busquen mellorar o seu emprego actual. En concreto, a cargo do subdirector seral do Servicio Público de Emprego de Galicia, Santiago Boquete, que sinalou que se prevé realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas.
Entre as vantaxes que ofrece EMi, salientou que relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. Tamén detecta carencias competenciais en cada localidade, o que facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades de cada unha. A maiores, engadiu que esta ferramenta pode prever o comportamento laboral de cada comarca e de cada ocupación referida aos seus próximos meses, o que permite adiantarse ás necesidades das empresas.