— Educación destaca a importancia de accións como a feira ‘Open Sciencie’ de Cambre e o proxecto ‘Estalmat’ da USC no impulso dos coñecementos académicos nestas áreas
— As directoras de Ordenación e Innovación Educativa e da Axencia Galega de Innovación participan hoxe en ambos eventos
A Xunta traballa para afianzar os bos resultados dos alumnos galegos nas competencias matemática e científica a través de programas específicos como o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno galego dotada con 77M€ que arrancou este ano co obxectivo de avanzar na personalización e o apoio educativo na aula atendendo ás necesidades específicas de cada alumno.
Nestes momentos, segundo o último informe PISA, os alumnos galegos son líderes en competencia científica e sitúanse por riba da media de España e da OCDE en competencia matemática. Non obstante, co obxectivo de seguir mellorando estes resultados, desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional impleméntanse medidas de reforzo específicas para estes eidos.
Neste contexto, a Consellería gaba iniciativas como a feira Open Sciencie de Cambre e proxecto Estalmat-Galicia, de Estímulo do Talento Matemático impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela.
Vocacións en ámbitos STEM
Precisamente esta mañá, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, achegouse a Cambre para visitar a feira de ciencia, unha cita xa consolidada dirixida a alumnos de todas as idades e ao público xeral, que poden gozar de conferencias, talleres, cafés científicos e espectáculos onde se presentan proxectos de ciencia e tecnoloxía vinculados coa sostibilidade. A representante da Consellería de Educación gabou o formato desta proposta que presenta a ciencia dunha forma lúdica que a fai máis atractiva para os rapaces.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou na inauguración do curso de Estalmat-Galicia 2024, o programa de estímulo do talento matemático pilotado pola Universidade de Santiago de Compostela a través da Facultade de Matemáticas e apoiado pola Xunta de Galicia entre outras institucións. Neste senso, Carmen Cotelo subliñou a importancia de accións deste tipo para “estimular o talento matemático e as vocacións científico-técnicas entre a nosa mocidade”.