Friday 22 de November de 2024

A Xunta incentiva o debate arredor de nvos xeitos de crear artesanía combinando innovación, tradición, economía circular e deseño contemporáneo


— José González destacou que entre hoxe e mañá haberá mesas de debate e conferencias co obxecto de afondar nas posibilidades dos materiais, da natureza e dos saberes tradicionais, sen desbotar a innovación

— Ata onte tivo lugar coa mesma filosofía o obradoiro Bio*cerámica: Narrativas da paisaxe e da súa cultura, no que unha vintena de profesionais indagaron sobre novas técnicas referidas á manipulación da arxila e das fibras vexetais

— O conselleiro aproveitou a visita a Chantada para seguir recollendo achegas para a elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2023 a través da visita a un establecemento desta vila lucense

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, inaugurou hoxe en Chantada as xornadas Novas artesanías para novas ecoloxías, unha oportunidade -dixo- para coñecer, compartir e reflexionar sobre novas miradas arredor da artesanía tanto no territorio nacional como no internacional.
Así, entre hoxe e mañá haberá mesas de debate e conferencias co obxecto de afondar nas posibilidades dos materiais, da natureza e dos saberes tradicionais, abrindo as portas a unha nova relación co medio social, cultural e produtivo que non desbote a innovación nin o deseño contemporáneo. Estas accións que convidan á reflexión viñeron precedidas -destacou o conselleiro- do obradoiro Bio*cerámica: Narrativas da paisaxe e da súa cultura, no que participaron ata onte unha vintena de profesionais da arte e da artesanía que indagaron sobre novas técnicas referidas á manipulación da arxila e das fibras vexetais.
González agradeceu o labor e bo facer das persoas que dirixirán as xornadas desta fin de semana -Raquel Buj, arquitecta e deseñadora especializada na investigación e experimentación e materiais e biomateriais para a moda, e Carlos Jiménez Cenamor, ceramista e arquitecto gañador do Premio Produto Artesán 2023 nos Premios de Artesanía da Región de Murcia- así como dos participantes nas distintas actividades. Tamén aos responsables do Espazo Vilaseco que alberga o encontro, entidade coa que a Fundación Artesanía de Galicia colabora desde o ano pasado no marco do programa Novos presentes e futuros, no que se enmarcan as xornadas de hoxe e mañá.
Na súa intervención, o responsable autonómico avogou por potenciar a Galicia non urbana como xeradora de novas vías de desenvolvemento culturais, sociais, medioambientais e económicas afondando na tradición, deseño e innovación, nos biomateriais, oficios, recursos locais, ecoloxía e economía circular. Segundo dixo, as accións desta semana mostran o firme compromiso da Xunta co impulso e promoción deste sector fundamental, representado con creces polos máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía, que contribúen a crear emprego, dinamizar o rural e vertebrar o territorio.
Entre esas accións, cómpre destacar que está aberto deica o 27 de setembro o prazo de presentación de candidaturas para os Premios Artesanía de Galicia 2024, nas tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto.
Así mesmo, acaba de abrirse o prazo para inscribirse en novos cursos do programa pioneiro -único en España- para garantir a remuda xeracional Aprender da tradición. Oficios e técnicas. En concreto, haberá formacións forxa, ourivería, olería de Buño, sombreirería e xastrería -este último en dúas quendas- que se van desenvolver en diferentes localidades galegas a partir do mes de outubro.
Plan estratéxico do comercio
Aproveitando a visita a Chantada, o titular de Emprego, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, continuou recollendo achegas de cara á elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. En concreto, visitou o establecemento Luca Calzados e Complementos, apoiado pola Xunta a través da última campaña Activa Comercio e mediante a orde de 2023 de comercio circular, así como no marco das axudas de 2024 a centros comerciais abertos, ao pertencer ao CCA Ribeira Sacra.

José González lembrou que actualmente está aberto o proceso participativo para recibir as suxestións do sector, lembrando que para a Xunta é prioritario contar co parecer de comerciantes, praceiros, artesáns ou centros comerciais abertos, entre outros axentes implicados, para realizar unha diagnose acertada e seguir avanzando na competitividade e o futuro do comercio local e de proximidade.