Thursday 21 de November de 2024

A Coruña acolle o arranque do I Congreso Internacional de Maiores LGTBI+


O encontro, organizado pola Fundación 26 de Decembro coa colaboración dos Ministerios de Dereitos Sociais e Igualdade, continuará en Sitges e Madrid

A cidade acolle este sábado a xornada de arranque do I Congreso Internacional de maiores LGTBI+, un encontro destinado a reunir a investigadores, académicos, profesionais da intervención, artistas, activistas e membros da comunidade para debater e intercambiar experiencias sobre o benestar e a calidade de vida das persoas maiores LGTBI+. Este I Congreso ten outras dúas sedes, Sitges e Madrid, que acollerán tres xornadas máis nas próximas semanas.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, que participou na apertura do Congreso no paraninfo da UDC, subliñou que coa celebración deste primeiro encontro internacional, a cidade “asume a súa dobre posición de referencia tanto sobre a defensa dos dereitos das persoas LGTBI+ no noroeste da Península como nas políticas municipais para mellorar a calidade de vida das persoas maiores”. A concelleira lembrou que o Goberno de Inés Rey leva a cabo numerosas accións de apoio e traballa a diario cos diferentes colectivos LGTBI+ da cidade.

Nesta primeira xornada do Congreso presentouse unha instalación do artista Sergio Marey e a conferencia plenaria a cargo da escritora e activista Daniela Fernández centrouse nas disidencias de xénero na Galicia contemporánea. Ademais houbo unha exposición de testemuños e experiencias de maiores LGTBI+ e unha mesa redonda sobre o proxecto “Academia de Geras”, co que a Fundación 26 de Decembro busca formar a persoas maiores de 50 anos LGTBIQ+ para mellorar o seu coñecemento sobre o proceso de envellecemento.