As actividades son gratuítas previa inscrición, que se abrirá este mércores 25 de setembro ás 10.00 horas na web ticketing.coruna.gal
O Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón conmemora o 56º aniversario da súa inauguración cunha programación de actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos. A cita, programada polo Goberno de Inés Rey para a posta en valor do Museo Histórico municipal, terá lugar o vindeiro sábado 5 de outubro e incluirá xornadas de portas abertas, visitas guiadas e obradoiros tanto para nenos e nenas como para adultos.
Entre as actividades destacan as visitas guiadas polo castelo e polas distintas seccións do museo, onde os participantes poderán coñecer en detalle a historia do edificio e os seus contidos. As visitas realizaranse en tres horarios: ás 12:00, 18:00 e 22:00 horas, cunha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos. A actividade está dirixida ao público adulto e contará cun máximo de 25 prazas dispoñibles.
Ademais, os máis pequenos poderán participar en dous obradoiros deseñados especificamente para eles. O primeiro, “Da escavación ao museo”, achegará aos nenos e nenas ao proceso de restauración de pezas arqueolóxicas, onde terán a oportunidade de traballar como restauradores por un día e levar un prato reintegrado como recordo. Este obradoiro será ás 11:45 e está orientado a nenos de entre 6 e 12 anos. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar o obradoiro “Piratas á vista!”, onde a través da figura dos piratas e corsarios descubrirán a historia do comercio marítimo e a relación dos piratas coa cidade da Coruña, finalizando coa creación do seu propio anteollo de pirata.
Para o público adulto tamén haberá un obradoiro titulado “Iluminando Brigantium”, ás 19:30 horas. Esta actividade fará un percorrido pola prehistoria, explicando as técnicas de produción de lume e a fabricación de recipientes para transportar a luz, culminando coa creación dunha lucerna romana mediante moldes. O obradoiro ten unha duración aproximada de 2 horas e está limitado a 15 prazas. Todas as actividades son gratuítas previa inscrición a través da web https://ticketing.coruna.gal. O prazo de inscrición abrirase o mércores 25 de setembro ás 10:00 horas.