Friday 22 de November de 2024

O concello investirá máis de 100.000 euros na renvoación da cuberta do pavillón municipal da Laracha


O proxecto sacarase a licitación nos próximos días e será cofinanciado pola Xunta de Galicia.

O Concello sacará a licitación nos próximos días o proxecto de renovación da cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha.

A intervención promóvese para resolver as deterioracións que presenta a envolvente desa instalación deportiva causadas pola súa exposición as condicións climatolóxicas ao longo do tempo. Iso provocou o xurdimento de filtracións de auga en diferentes puntos, coa conseguinte problemática que iso implica na zona de xogo para a práctica das diferentes disciplinas que alí se practican, principalmente o baloncesto.

A renovación da cuberta farase mediante a substitución do panel actual por outro que mellore o illamento térmico, a impermeabilidade e a recollida de augas pluviais da infraestrutura deportiva. Os acabados dese panel, seguindo os criterios de confort e durabilidade, serán en cor vermello claro e con pouca capacidade de absorción solar coa fin de limitar o sobrequecemento do pavillón.
Os materiais e os sistemas elixidos garantirán poder alcanzar unhas condicións óptimas de estanqueidade interior, favorecendo así tanto a salubridade das instalacións como o respecto ao medio ambiente e ao entorno inmediato do polideportivo.

O orzamento de licitación do proxecto alcanza os 105.000 euros. As obras serán cofinanciadas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

Esta actuación tamén deixará preparada a cuberta do pavillón para instalar nela, nun proxecto futuro, un sistema de produción de enerxía fotovoltaica que subministre a varios edificios municipais como a Casa do Concello, Edificio Administrativo, escola infantil, Casa da Cultura, Servizos Múltiples e a biblioteca municipal para acadar un autoconsumo eléctrico superior ao 50 %.