Friday 22 de November de 2024

A ponte da Casilla quedará pechada ao tráfico a partir do día 25 para acometer a súa reconstrución


Dentro do plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns que leva a cabo a Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Carballo, continúan avanzando a bo ritmo as obras que se executan nas dúas pontes afectadas: a da Lagoa e a da Casilla. Nesta última, onde está cortado ao tráfico un carril desde o 9 de xullo, procederase a partir do 25 deste mes ao peche completo ao tráfico rodado, segundo vén de comunicar a empresa.

Augas de Galicia está a realizar un investimento de 1.847.000 euros para acometer un proxecto que inclúe, ademais do derrubo do inmoble da rúa Fomento, xa executado, o da ponte actual, que será substituída por unha nova ponte con dous carrís de circulación e beirarrúas, unha senda inundable na beira do río e novos accesos ao paseo fluvial, tanto desde a rúa Fomento coma desde a Avenida de Fisterra.
As obras, que foron adxudicadas á construtora Copasa, teñen un prazo de execución de oito meses.
Na ponte da Lagoa tamén avanzan a bo ritmo os traballos, e mantense para principios de outubro a data de reapertura da ponte á circulación tanto peonil coma rodada. Deste xeito, as dúas pontes coincidirán pechadas durante 15 días, aproximadamente.